Gondomar pon en marcha un ano máis os obradoiros dirixidos aos maiores

O vindeiro luns 17 de xaneiro abrirase o prazo para inscribirse nos obradoiros de memoria e de ximnasia que desde a Concellería de Benestar Social do Concello de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro, promóvense anualmente pensando nos veciños e veciñas que superan os 65 anos, financiados con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra cuxa demanda é unha realidade como demostra o feito de que as 130 prazas que se ofertan cóbrense practicamente de forma inmediata.

Como en edicións anteriores, os participantes poderán elixir entre o obradoiro “Cultiva a Mente” ou o de “Ximnasia de Mantemento”. En ambos os dous casos o obxectivo “é garantir a mellor calidade de vida dos nosos e nosas maiores, e poñer ao seu alcance as ferramentas para que a súa terceira mocidade poidan gozala ao máximo”, apunta o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira.

As solicitudes poderán presentarse desde o vindeiro luns 17 de xaneiro no departamento de Benestar Social achegando a copia do DNI e o volante de empadroamento no Concello de Gondomar. Os menores de 65 anos que queiran participar poderán facelo acreditando o certificado de discapacidade.

Obradoiro “Cultiva a Mente”

Un total de 30 persoas poderán inscribirse neste obradoiro que impartirá unha psicóloga, en dúas quendas diferentes: martes ou xoves de 10:30 a 12:30 horas. Nel abordaranse diferentes cuestións prestando especial atención ao envellecemento activo, á promoción das relacións sociais e á prevención da soidade, así como un traballo directo para garantir a independencia e autonomía destas persoas maiores.

Obradoiro “Ximnasia de Mantemento”

O curso está aberto a un total de 100 participantes que se exercitarán en dúas quendas dunha hora na que realizarán exercicios guiados por unha monitora que lles facilitará a manterse en forma, ao mesmo tempo que fomenta as relacións e interaccións sociais, así como a autonomía destas persoas. O curso se desenvolverá os luns e mércores de 10:30 a 11:30, nunha quenda, e entre as 11:30 e as 12:30 horas, no grupo dous.

Para máis información poden poñerse en contacto co departamento de Benestar Social no teléfono 986360168, ou no correo ssocial@concellodegondomar.com.