Gondomar e o Centro Dramático Galego da man na promoción do teatro

Por segunda ocasión Gondomar e o Centro Dramático Galego (CDG) colaborarán cun único obxectivo: promover o achegamento do público ás novas producións do panorama escénico galego e facilitar o seu acceso á maior parte da xente interesada.

O programa “Sobes ao autobús do teatro?” chega de novo a Gondomar para nesta ocasión facilitar a quen queira asistir á obra que hai en cartel: “A peste”, a versión teatral de Cándido Pazó, inspirada na obra do Albert Camus coa que se reflexiona sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante situacións de crise, e que se representa nos escenarios do (CDG) en Santiago.

“Non é doado para todos ou todas aos que lles gusta o teatro ou queren descubrilo desprazarse ata Santiago, tendo en conta ademais o custo económico que supón”, sinala o edil de Cultura Juan Bas, quen explica “que grazas á colaboración entre o goberno local e o CDG facilitaremos o transporte e unha rebaixa no prezo das entradas”.

A cooperación entre ambas as dúas institucións concrétase no frete dun autobús -con capacidade para 50 persoas- que cubrirá o traslado de ida e volta ata Santiago o vindeiro día 22 de xaneiro para asistir á representación da nova obra de Cándido Pazó, estreada dous días antes. Tamén beneficiaranse dun prezo reducido na entrada (6 euros por persoa).

A reserva da praza debe facerse de forma anticipada no despacho de billetes de venda electrónica de Gondomar https://taquilla.concellodegondomar.gal.