Desacordo no tripartito pola celebración da Arribada

A dous meses vista da celebración do buque insignia das festas en Baiona, a posibilidade de levar adiante a Arribada na súa data habitual está a xerar opinións para todos os gustos, mesmo dentro do tripartito que goberna no municipio.

Se o alcalde Carlos Gómez avoga por estudar unha fórmula que permita levala adiante na súa data habitual “a condición de que as decisións a tomar partan dun consenso xeral entre o tecido asociativo, a mesa local de seguridade e Xunta”, o segundo tenente de alcalde, Carlos de la Peña, manifestou abertamente que desaconsella a súa celebración na primeira fin de semana de marzo. A postura mostrada por de la Peña e publicada en redes sociais en nome do grupo político ao que representa, Nós Baiona, vai aínda máis aló e considera que se debería de evitar todo tipo de concentracións sociais e incide no uso de medios de protección básicos. Neste sentido, o vicealcalde foi tallante nas súas declaracións que rematou cun “xa virán tempos mellores e seremos máis felices”. O debate está aberto, tanto PP como C’s coinciden co rexedor mantendo que “cancelala é a opción fácil” e que polo momento se poden ir facendo xestións “que non custan diñeiro”.

Gómez pola súa banda explicou que a idea é adaptar a celebración ao contexto actual “dando cabida a todo o mundo”. A pesar de que non puido concretar medidas sobre a mesa deu a entender que de levarse a cabo se vixiará a conduta dos asistentes coa posibilidade de expulsar aos que non cumpran coas normas que nese momento estean en vigor. “O que temos claro é que non poderemos celebrar unha Arribada ao uso e buscamos alternativas para sacala adiante”, asevera o rexedor que á súa vez reitera que o obxectivo será o de non “desvirtuar a celebración”. A lembranza da chegada da noticia do Descubrimento é a inxección económica de maior calado no municipio. Unha maratón de tres días que en circunstancias normais tradúcese en centos de miles de persoas pululando de sol a sol entre o venres e o domingo o que se traduce nun retorno económico de centos de miles de euros en tan só 72 horas. Salvando as distancias provocadas polas limitacións da pandemia este é o principal motivo ao que se agarra o rexedor. “Falamos de economía circular, hai negocios que xeran emprego e pagan os seus impostos. Non podemos dicir non fago nada”, remata.