Nigrán dota de elementos de xogo os seus dous espazos de recreo para cans

O Concello de Nigrán vén de dotar os seus dous espazos de esparexemento para cans do municipio, na Ramallosa e no núcleo urbano de Nigrán, con mobiliario de xogo específico de xeito que conforman un circuíto de agility. Así, ambas áreas contan xa con cadanseu balancín, pasarela, salto de altura e túnel. Estes elementos están fabricados en materiais resistentes á intemperie, para longo uso e anti-vandálicos e, loxicamente, os obstáculos non presentan ningún perigo para o animal.

O Concello de Nigrán estreou en outubro un espazo para cans do núcleo urbano de Nigrán (fronte á nova biblioteca) que se sumou ao habilitado no 2021 na Ramallosa, ao carón da Piscina Mancomunada. Ambos foron demandados pola veciñanza, ocupan uns 350 metros cadrados de superficie e están pensados para que os animais poidan estar soltos sen necesidade de correa. A superficie, de céspede natural, está delimitada cun peche perimetral de malla metálica ríxida para garantir que non escapen. Os dous parques foron realizados por operarios municipais e requiriron de moi pouca intervención, xa que o Concello optou por reconverter estas zonas de xardín infrautilizadas.

Paralelamente, o Concello renovou nas pasadas semanas os sanecáns dispostos no 2017 nas zonas por onde máis pasean os cans e que serven como depósito de excrementos caninos ademais de facilitar bolsas.