Nigrán dixitaliza o material audiovisual da antiga televisión local

O Concello de Nigrán vén de investir 7.000 € en dixitalizar todo o material audiovisual que se conservaba da antiga TV Local de Nigrán e do Val Miñor, operativa no municipio entre 1994 e 1998 no coñecido como Centro Antena (rúa Otero Pedrayo). O seguinte paso será que estea a disposición da veciñanza a través dun ordenador de consulta multimedia situado na nova Biblioteca Municipal e, posteriormente, tamén a través dunha web vinculada ao recentemente estreado http://www.arquivoaudiovisualnigran.org (arquivo online que recompila imaxes antigas do municipio).

As preto de 600 cintas VHS con máis de 1.500 horas de gravacións (entre emisións e brutos) permanecían almacenadas desde xa máis de 20 anos sufrindo un deterioro progresivo con riscos de resultar irrecuperables. Os contidos rescatados inclúen desde os clásicos informativos locais coa actualidade do momento, o programa “Os nosos maiores” (dedicado a entrevistas aos veciños lonxevos, entre eles á avoa Carmela de Camos, falecida con 113 anos e xa visible neste enlace) a faladoiros dos actores sociais da época, polémicas sesións plenarias coa corporación dos alcaldes Avelino Fernández ou José Villar, actuacións de artistas como un novísimo Ivan Ferreiro ou o grupo Berrogüeto, as antigas veladas de boxeo no Pavillón Municipal, un programa específico sobre “xardinería e medio ambiente”…

“Son moitísimas horas de documentos audiovisuais valiosísimos nunha época na que non existían as redes sociais nin practicamente os móbiles, polo que resultan especialmente relevantes. En definitiva, é un material con moitísimo valor histórico para Nigrán que se estaba a deteriorar e que agora será compartido con toda a veciñanza e formará parte xa do noso patrimonio cultural para sempre”, destaca o alcalde, Juan González.

Precisamente, o Concello lanzou en decembro vinculado xa a esta idea un Arquivo Histórico Audiovisual Online cunha web pioneira en toda a comarca onde se recompilarán imaxes ou vídeos de interese etnográfico ou paisaxístico para o municipio facilitadas pola propia veciñanza. O obxectivo é que vaia medrando con novas achegas, polo que o Concello insta á veciñanza a “rebuscar no faiado” na procura de novas “xoias” para incorporar. “Este arquivo naceu ao tempo que encargabamos a dixitalización das cintas porque precisamente queríamos unir a el as cintas da TV de Nigrán”, explica González.

Historia da TV Local

O xerme da Televisión Local de Nigrán foi unha escola-obradoiro de audiovisuais situado no actual edificio municipal do Centro Antena, fundado precisamente cos obxectivos de fomentar o desenvolvemento local a través de accións relacionadas coas novas tecnoloxías, a formación, o emprego, a dinamización empresarial e comercial, etc. Deste obradoiro xurdiu inicialmente a radio de Nigrán no 1992 e no 1994 arrancou a televisión durante 6 meses cos propios alumnos-traballadores como protagonistas. Esta retomou a emisión no 1995 baixo a dirección de sucesivos profesionais e converteuse nun servizo mancomunado desde 1996 a 1998, cando finalmente pechou. A Televisión Local de Nigrán estivo operativa nun intre de eclosión das mesmas en toda a área de Vigo, sobrevivindo finalmente unhas poucas ante o alto custe do seu mantemento.