O BNG de Gondomar solicita a convocatoria urxente da Xunta de Portavoces para fixar a data do Pleno de xaneiro

A portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, vén de solicitar do Alcalde de Gondomar a convocatoria inmediata dunha Xunta de Portavoces co obxecto de fixar a data e a hora do pleno de xaneiro, que non puido celebrarse no primeiro xoves do mes, como corresponde, por coincidir co Día de Reis.

Rodríguez argumenta que, ademais de estar así contemplado nos acordos do pleno de organización, “é fundamental manter a periodicidade mensual das sesións plenarias porque nun concello como o noso deberían sobrar asuntos que tratar cada mes. E se ao goberno de Ferreira lle falta proxecto, iso non debe impedir o labor da oposición, tanto de fiscalización do traballo do goberno como da presentación de propostas e alternativas na defensa dos intereses da veciñanza de Gondomar, e no BNG temos dabondo”.

A organización nacionalista lémbralle ao Alcalde que, reiteradamente, “en todos os plenos a falla de tempo para o debate impide rematar a orde do día, polo que é evidente que no noso concello a frecuencia mensual é imprescindible”. Así, as mocións presentadas polos distintos grupos políticos quedan sen debater dun mes para outro, engordando a orde do día do pleno seguinte, e nunca se chega aos rogos e preguntas, verdadeiro punto de fiscalización do traballo do goberno.

Desde o BNG instan ao Alcalde a exercer a democracia e a transparencia facilitando o debate de propostas e o labor de fiscalización por parte dos grupos da oposición, convocando, á maior brevidade posible, a reunión da Xunta de Portavoces para fixar a data e hora do Pleno do presente mes de xaneiro.