A praza da nova biblioteca de Nigrán incluirá auditorio ao aire libre e unha fonte lúdica

FOTO: HÉCTOR SANTOS DÍEZ // Nova biblioteca de Nigrán.

O Concello de Nigrán remodelará a praza da nova Biblioteca Municipal para estender o uso sociocultural a este gran espazo público de 2.958 metros cadrados e infrautilizado actualmente pola veciñanza. Así, dispón xa de un proxecto redactado polos mesmos arquitectos da Biblioteca, Estudio Gándara Pons, co obxectivo de crear unha simbiose perfecta entre o novo edificio público e a súa contorna, complementándose ambos lugares nos seus usos.

“A praza da Biblioteca, pese a ser moi grande e estar en pleno núcleo urbano de Nigrán, é practicamente descoñecida para a veciñanza porque non resultan visibles o seus accesos e, tal e como está conformada, non invita a pasar o tempo de lecer alí, así que o que pretendemos é revitalizala e recuperala cunha intervención sinxela para facilitar usos socioculturais e dos propios negocios que acolle”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que tamén será “rebautizada” ao compartir oficialmente o nome “Rosalía de Castro” coa praza veciña, o que leva a confusión. “O obxectivo final é que a veciñanza redescubra esta gran praza e que o novo deseño forme unha simbiose perfecta coa Biblioteca e os seus usos”, conclúe.

Cun investimento previsto de 360.000 €, a intervención comprende a situación dunha bancada no actual manto vexetal da zona noroeste aproveitando o salto de cota (ao carón da Biblioteca). Esta nova bancada lonxitudinal estará orientada cara un espazo central na praza que será unha fonte lúdica para o xogo infantil pero que, ao mesmo tempo, poderá funcionar como escenario natural ao aire libre para posibles actuacións. Paralelamente, e tamén aproveitando o forte desnivel, instalarase un tobogán de aceiro inoxidable ao lado das novas gradas. Para complementar o equipamento para os máis pequenos tamén se prevé no lateral este camas elásticas enrasadas coa superficie e un área de montículos de caucho.

A remodelación busca tamén abrir visualmente a praza á cidadanía e integrala coa Biblioteca, polo que se expón pavimentar en pedra o acceso desde Estrada pola Vía, tal e como está actualmente circundando o edificio, e no eixo central proxéctase chan de formigón pulido con franxas de céspede. A actual escaleira que baixa á praza se modificará por unha de maiores dimensións que continúe co itinerario peonil. Para rematar a actuación neste sentido de outorgarlle maior accesibilidade, redeseñarase a rampla nordés para facela máis ampla. Ademais, a superficie actual da praza atópase en moi mal estado, polo que a intervención propón repavimentala con placas de formigón e zonas de lastra intercalando céspedes, para crear así espazos diferenciados e reducir a sensación de “aridez” fronte a un lugar máis amable.

Finalmente, renovaranse os colectores de pluviais deteriorados, todo o mobiliario urbano, outorgaráselle iluminación ornamental ás novas zonas e aumentarase a vexetación complementándose con novas especies e con plantas tapizantes.

“Queremos que os usuarios da biblioteca teñan aquí o lugar idóneo para sentarse a ler un libro ou facer un descanso no estudo, pero que tamén poida ser un lugar perfecto para organizar un contacontos ao aire libre ou vir en familia a tomar un café ou para xogar os nenos”, explican os arquitectos Juan Pons e Lucas Gándara.