Ricardo Buba gaña coa Selección de Galicia o título Team Relay no Campionato de España de Ciclocrós

Hai tres anos, a última vez que se disputara a proba Team Relay no Campionato de España de Ciclocrós, Guillermo Sande festexou en Pontevedra a vitoria de Galicia, a selección que dirixía. Este venres o combinado galego revalidou o título de remudas por equipos no circuíto valenciano de Xàtiva e os integrantes do sexteto gañador mostraron unha pancarta dende o máis alto do podio: “Guillermo Sande, sempre con nós”. Unha mensaxe dirixida ao ceo, onde descansa dende hai un ano quen foi técnico da Federación Ciclismo Galego durante case un cuarto de século.

No primeiro aniversario do falecemento de Sande en Torrelavega, durante a celebración do estatal de ciclocrós, a delegación autonómica desprazada a terras valencianas viviu un día especialmente emotivo. Unha vitoria con dedicatoria, un triunfo colectivo e un éxito que premia a forte aposta de Galicia por esta especialidade. O elite Samuel González, o cadete Tomás Pombo, a elite Irene Trabazo, o máster-40 Andrés Calvete, o júnior Ricardo Buba e o sub23 Miguel Rodríguez impuxéronse con 5 segundos de vantaxe sobre Asturias. O podio completouno Euskadi.

A estratexia deseñada polo seleccionador Alberto del Río funcionou dende o principio. Galicia abriu a carreira co elite vigués Samuel González, que rematou a primeira volta en segunda posición, por detrás do representante de Aragón. A remuda colleuna o cadete carballés Tomás Pombo, que de inmediato se situou en primeira posición e mantívose á fronte da proba ata que no treito final da súa quenda o adiantou o máster valenciano Dany Díaz. A diferenza era mínima e o máster cambrés Andrés Calvete recuperou o mando no terceiro xiro ao trazado de Xàtiva

A selección que defendía o título chegou en cabeza ao ecuador da proba e a responsabilidade da cuarta volta asumiuna Irene Trabazo. A elite marinense, a primeira das mulleres que compareceu no circuíto entre os conxuntos que loitaban pola vitoria, mantivo intactas as opcións de vitoria do seu equipo e acabou terceira a súa posta, por detrás de Asturias e da Comunitat Valenciana. Os menos de 20 segundos que cedía Galicia anulounos o júnior gondomareño Ricardo Buba, que lle deu paso a Miguel Rodríguez case á par do combinado asturiano.

O cara a cara pola vitoria decantouse na primeira metade da última volta. O sub23 ponteareán contactou co elite asturiano Mario Junquera nada máis arrancar e soltou ao seu acompañante no ecuador do percorrido. Rodríguez afrontou con vantaxe os sectores de area, os de maior dificultade, e tivo tempo a saborear a vitoria nos metros finais. Cruzou a liña de meta cando o reloxo marcaba 35 minutos e 33 segundos. Junquera terminou a 5” e o elite vasco Iñigo Gómez, a 27”.

Masters e Cadetes

A loita polos títulos de cada categoría comeza na mañá do sábado cos grupos de idade máster masculinos. Andrés Calvete, que a partir das 10:45 horas entrará en acción na carreira máster-40, será o único corredor da Selección de Galicia que tome parte nesta sesión.

Pola tarde chegará a quenda, ás 15:00 h., das mulleres máster e xunto a elas comparecerán as cadetes, categoría para a que o combinado autonómico seleccionou a cinco rapazas: María Filgueiras, Aroa Otero, Lorena Patiño, Iris Fernández e Marta Estévez.

O programa do sábado pecharase cos cadetes masculinos (15:50 h.), unha carreira na que defenderán as cores da Federación Ciclismo Galego (FCG) sete rapaces: Tomás Pombo, Martín Díaz, Xoel Cidrás, Manuel Alonso, Mauro Vega, Santiago Otero e Gael García. O domingo concluirá o Campionato coas categorías júniors, sub23 e elites.