O primeiro lobo mariño da tempada aparece en Baredo

“MAXIBAR” é o primeiro lobiño mariño cincento que necesita atención este inverno. Apareceu en Baredo (Baiona), e tras observalo durante varias horas e valorar o seu estado, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños decidiu trasladalo ás súas instalacións de recuperación en Nigrán.

Trátase dun lobo mariño cincento, Halichoerus grypus, de menos de tres meses de idade, 17 quilos, desnutrido e deshidratado. Segundo relatan desde a CEMMA, meteuse no Porrido e logo no Río da Fraga en Baredo. Alí varou e non quixo volver ao mar, motivo polo cal foi recollido para a UCI de rehabilitación. “É un macho que lle chamamos MAXIBAR (MAXi puxéronlle uns nenos na praia de Baredo-BAR). Curiosamente alí ao lado estivo en agosto o lobo mariño DOQUi e foi expulsado por bañistas da costa, con paus e cans, marchando para Portugal”.

A tempada de lobos mariños, ou focas, vai de finais de ano a marzo do ano seguinte.

Como actuar diante da presenza dun lobo mariño?

Aínda que pensemos que nunca nos imos atopar cun lobo mariño, as posibilidades de atopalos nas praias entre Fisterra e Ribadeo, durante a tempada invernal, non é tan rara. Temos que ter conta que:

– Chegan directamente dende as colonias de cría do norte e polo tanto están moi cansos, motivo polo cal poden baixar a terra a descansar e botar unha soneca tranquilamente.

– NON ACHEGARSE para evitar molestalo ou provocar unha resposta agresiva, mantendo unha distancia prudente xa que poden responder agresivamente e mordendo.

– NON BLOQUEARLLE VÍA DE FUXIDA cara ao mar, deixándolle unha alternativa por se quere e pode marchar.

– ATAR OS CANS, se os levas pola costa, e procurar que non se acheguen ou a ataquen.

– MANTER SILENCIO, os berros e barullo provocaranlle estado de alerta.

– AVISAR canto antes ao 112 e colaborar coa Rede de Varamentos nas indicacións.

Hai que ter en conta que non todos os animais precisan ser recollidos, só aqueles feridos ou enfermos, polo tanto persisten en ficar no mesmo lugar durante días.

Temos que ter en conta que son cachorros de meses de vida e polo tanto sen medo ás novidades, mais inexpertos, que moitas veces nin saben comportarse diante das adversidades nin alimentarse ben.

A UCI de lobos mariños

A CEMMA ten instalada unha Unidade de Coidados Intensivos por se é necesario ingresar algún lobo mariño en medio artificial controlado para rehabilitación.

Rede de Varamentos de Galicia

A Rede de Varamentos de Galicia, baixo responsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia a través do convenio subscrito coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA, que leva a cabo os traballos de asistencia e recuperación de fauna mariña ameazada.

A CEMMA é a única entidade autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.