As consultas de Oftalmoloxía trasládanse á ampliación da planta baixa de Ribera Povisa

As sete consultas do servizo de Oftalmoloxía que ata o de agora estaban operativas na segunda planta do hospital Ribera Povisa trasladáronse esta semana á súa localización definitiva na ampliación da planta baixa, sobre a fachada principal.

Desde este luns, 3 de xaneiro, os especialistas xa atenden aos pacientes nesta zona tras acometer o traslado os días 29 e 30 de decembro. Nas próximas datas moveranse tamén a esta zona as consultas de Oftalmoloxía que continúan operativas en Gran Vía, 120.

“A nós as novas consultas ofrécennos unha maior comodidade, amplitude e eficiencia, mentres que para os pacientes supoñen ademais unha gran mellora na accesibilidade”, sinalou o xefe do servizo de Oftalmoloxía, Ramón Vázquez.

Na planta baixa do hospital fíxose unha reforma integral sobre unha superficie de 530 m2, 211 dos cales foron gañados coa ampliación cara á fachada do edificio. Esta nova zona permitiu a creación de 17 novos locais de consulta, quince deles para o servizo de Oftalmoloxía e outros dous para farmacia ambulatoria, que deixará de estar no semisoto.

Por outra banda, as obras do acceso principal ao hospital entraron xa na súa recta final e a finalización prevista é o 31 de xaneiro, polo que a inauguración será a mediados de febreiro. As obras permitirán mellorar de forma substancial a accesibilidade e a comodidade para os pacientes, cun acceso a nivel da rúa pola histórica entrada de R/Salamanca.