O Álvaro Cunqueiro ensina á Garda Civil a “salvar vidas”

Profesionais do servizo de Medicina Intensiva do Hospital Álvaro Cunqueiro impartiron un novo curso de Reanimación Cardiopulmonar con desfibrilador semiautomático externo (DESA), a 18 gardas civís. Este é o 4º curso impartido a este colectivo, enmarcado no proxecto de colaboración coa Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Posteriormente, recibirán un curso máis avanzado para formar instrutores, e que logo sexan estes os que poidan formar aos seus compañeiras e compañeiros.

A Fundación Española del Corazón recoñece que preto de 130.000 persoas morren anualmente no noso país debido a enfermidades cardiovasculares, o que as confirman como a principal causa de mortalidade, superando aínda ao cancro. Galicia segue esta tendencia co 36,5% dos falecementos causados por patoloxías asociadas a esta enfermidade. Un indicador que sitúa a esta Comunidade Autónoma por enriba da media nacional.

Importancia dos desfibriladores

A maioría das mortes evitables causadas por factores cardiovasculares ocorren fóra dos centros hospitalarios, por iso a inclusión de desfibriladores nos centros e nos espazos laborais, especialmente en aqueles que concentran un gran número de traballadores e persoal alleo cunha actividade incesante, resultan fundamentais para garantir unha intervención rápida e eficaz no caso de que alguén sufra unha parada cardiorrespiratoria.

Unha vez máis, desde a Consellería de Sanidade resulta imprescindible continuar co labor de concienciación da sociedade sobre a importancia do recoñecemento dos sinais de morte súbita e do coñecemento das técnicas de reanimación cardiopulmonar básica. Os beneficios da formación nesta materia son evidentes: a realización de manobras de soporte vital básico por unha testemuña logra duplicar as posibilidades de supervivencia.

As manobras de reanimación cardiopulmonar constitúen unha parte fundamental da cadea de supervivencia, da que ademais forman parte a activación inmediata do sistema de emerxencias, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a masaxe cardíaca de calidade e a desfibrilación precoz.

Tendo en conta que en Galicia contabilízanse unhas 780 mortes súbitas ao ano, e dadas as características poboacionais e orográficas da nosa Comunidade Autónoma -con altas cifras de dispersión poboacional-, a formación en técnicas de reanimación cardiopulmonar resulta imprescindible.

Actualmente, Galicia conta con máis de 2.100 desfibriladores semiautomáticos externos dados de alta para ser utilizados, en situación de necesidade, por calquera testemuña. Por último, o incremento de espazos cardioprotexidos como é o caso do Porto de Vigo, convertido nun novo espazo cardioprotexido, permite que a concienciación da poboación sexa cada vez maior e que as cifras de supervivencia e o prognóstico á parada cardíaca sexan cada vez mellores.