Nigrán despide o ano facendo deporte

O Concello de Nigrán recuperou a carreira San Silvestre Solidaria este venres 31 de decembro para despedir 2021 facendo deporte na rúa e con todas as medidas de seguridade COVID. A proba deportiva, non competitiva, constou de 5 quilómetros saíndo ás 17:00 horas desde o Paseo de Panxón para chegar ao final de Lourido e regresar. Foron 120 atletas que doaron máis de 300 quilos de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Municipal.

“A aposta deste goberno polo deporte é total e absoluta e cremos que a mellor maneira de despedir o ano é precisamente facendo deporte, facéndoo en comunidade e coa máxima seguridade e divertíndonos para que sexamos quen de incorporalo aos hábitos dos máis pequenos”, indica Juan González, alcalde de Nigrán e quen iniciou no 2015 a celebración desta proba que forma parte ineludible xa do calendario deportivo nigranés con centos de participantes edición a edición.