O PP de Baiona critica ao tripartito por gastar 31.000 € en contratar a dous novos asesores

O Partido Popular denuncia nun comunicado que “unha vez máis” o tripartito que goberna Baiona “está a malgastar o diñeiro dos veciños en dous asesores nos que se vai a gastar exactamente 31.581 euros”. Segundo os populares, un deles para “Asesoramento Técnico e Estratéxico de Cultura” por valor de 14.520 euros e o outro por valor de 17.061 euros destinado a “consultoría no ámbito dos recursos turísticos, sinalización e xestión de subvencións”. Desde o PP apuntan ademais que “o fai a través de dous contratos menores asignados directamente aos dous beneficiarios sen necesidade de licitar o servizo. Ou o que é o mesmo, facelo a dedo”.

“Ademais do malgaste de diñeiro, estas contratacións demostran unha perda de confianza nos nosos traballadores municipais ao mesmo tempo que lle supón unha diminución do traballo. Aínda que esta mala xestión non é nova. A Concellería de Cultura leva contratando desde o inicio da lexislatura a empresas externas para traballos que antes se realizaban directamente polo propio departamento, incrementando os gastos dunha forma inxustificada. Agora, ademais, fano contratando asesores”, critican os populares.

Para o PP, estas contratacións son innecesarias e supoñen unha nova lapidación de diñeiro municipal nun momento especialmente complicado para os veciños e, precisamente por isto, no que o Concello debería priorizar o apoio económico aos afectados pola pandemia cunha nova convocatoria de axudas directas e poñendo en marcha políticas de reactivación económica que repercutan positivamente no peto dos baioneses. “Con todo, apenas reparten 500 euros entre os afectados pola pandemia mentres por detrás están a pagar miles de euros en asesorías para dúas áreas (Turismo e Cultura) que, desgraciadamente, o Covid-19 impide que poidan desenvolver grandes programacións como antes da pandemia”.

O grupo municipal popular preguntou ao alcalde por esta cuestión no pleno de decembro, celebrado a pasada semana, e non soubo dar unha resposta coherente. “O goberno máis caro da historia segue malgastando o diñeiro dos veciños fraccionando contratos, mentres os baioneses perden cada día máis servizos públicos”, lamentan.