O BNG reclama a gratuidade e o rescate da Autoestrada do Val Miñor

O BNG realizou onte unha nova acción pola gratuidade da AG-57 e polo seu rescate para xestión pública, no que participaron Carmela González, deputada no Parlamento Galego; Iago Pereira, tenente de alcalde en Baiona; Manuela Rodríguez, portavoz municipal en Gondomar; e Xavier Rodríguez, responsable local en Nigrán, ademais de varios membros das organizacións locais do BNG no Val de Miñor.

Diante do anuncio do goberno galego dunha achega de 550.000€ en forma de bonificacións para evitar o impacto da suba do IPC nas peaxes das autoestradas AG-55 e AG-57, os nacionalistas denuncian que ese mesmo goberno de Feijóo rexeitou a emenda do BNG aos Orzamentos da Xunta para o ano 2022. Unha emenda que propuña destinar 2.500.000€ para bonificacións de maior calado na AG-57 e tamén para a realización do estudo da viabilidade da supresión total das peaxes e do rescate da concesión da autoestrada, para poder tomar desde o goberno galego as decisións sobre a súa xestión.

Ao respecto da proposta da Xunta, a deputada Carmela González declarou que “semella unha inocentada de mal gusto, por parte do goberno Feijóo, anunciar bonificacións para 2022 cando realmente a metade dos tramos van subir 5 céntimos e ningún se reduce. O que se precisa é a supresión das peaxes xa!”.

Máis unha vez, a organización nacionalista denunciou a discriminación que, por parte do goberno do PP, sofre o Val de Miñor a respecto doutras comarcas como O Morrazo ou O Salnés, que desfrutan de autovías galegas gratuítas.

Se estivera libre de peaxes, a AG-57 serviría de circunvalación os tres concellos, melloraría a mobilidade xeral na comarca e eliminaría o tráfico de paso polos núcleos urbanos. Desconxestionaría as estradas Vigo-Baiona, evitando atascos na Ramallosa, principal nó de conexión dos tres concellos, Nigrán-Vigo, por Parada e Vilaza, e Vigo-Gondomar, ao seu paso por Vincios. Contribuiría a mellorar a calidade de vida nas parroquias e a reducir a sinistralidade e os riscos asociados a este tráfico, que en moitos casos é tráfico pesado. Tamén serviría de conexión directa, rápida e gratuíta co hospital Álvaro Cunqueiro, e con outros centros médicos, de ensino, administrativos e de servizos da área de Vigo; e melloraría a competitividade e a conectividade dos parques empresariais da Pasaxe-Vincios (Gondomar) e de Porto do Molle (Nigrán), e destes coa AP-9.

“Non podemos consentir que, por ser de pago, usar a AG-57 se converta nun sobre custo nos desprazamentos, ou que, para evitalo, simplemente non se use. Desde o BNG apostamos polo rescate da AG-57 para a súa xestión pública e pola supresión das peaxes nesta autoestrada, demandas sociais que contan con amplo respaldo na comarca”, indicaron as e os representantes municipais do BNG de Baiona, Gondomar e Nigrán.