A Xunta financia as 12 prazas da residencia de Autismo Vigo en Gondomar

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou o traballo realizado por Autismo Vigo para a posta en marcha de recursos residenciais e de autonomía persoal. Na tarde de onte, visitou a residencia “O Salgueiro” que esta entidade ten no concello de Gondomar, acompañado pola súa presidenta, Esperanza Domínguez, o alcalde, Paco Ferreira, e a concelleira de Benestar Social, Nuria Lameiro.

O director xeral sinalou que a Xunta financia o funcionamento das prazas deste centro: oito prazas residenciais os 365 días do ano, dúas de luns a venres e dúas de respiro familiar de fin de semana. Un total de 12 prazas para o que destina un orzamento de 260.000 euros anuais. Ademais, Fernando González lembrou que o Goberno galego colabora con Autismo Galicia para a posta en marcha de programas de autonomía persoal e envellecemento das persoas con autismo a través da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF. O pasado ano destinouse a estas iniciativas preto de 70.000 euros.

Pola súa banda, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, apuntou que “toda axuda que poidan prestar as distintas administracións a este centro é pouca, tendo en conta a implicación, esforzo e empeño diario e sobrenatural que realizan para sacar adiante a tarefa que desenvolven coas familias e usuarios. Debemos envorcarnos todos con eles, con elas, axudarlles, de non ser así, un día dirán ata aquí”.