Nigrán recibe 50 cestas de Nadal da empresa PreZero para repartir entre as familias usuarias de Servizos Sociais

O Concello de Nigrán recibiu este martes unha doazón da compañía PreZero, a empresa concesionaria do servizo de limpeza que ata agora estaba representada a través de Cespa-Ferrovial, de cincuenta cestas de Nadal para repartir entre as familias usuarias dos Servizos Sociais do Concello. Cada caixa contén doces típicos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns…) e alimentos non perecedoiros (pasta, arroz, legumes…) ademais de produtos de limpeza do fogar e de hixiene persoal. O Concello repartirá as cestas ao longo desta semana e antes de fin de ano.

“Agradecemos a PreZero o seu xesto solidario, que se renova cada Nadal, e o seu compromiso con Nigrán e coas familias máis vulnerables”, destacou o alcalde de Nigrán, Juan González, quen tamén aproveita para dar a benvida a PreZero, compañía do Grupo Schwarz, que recentemente adquiriu o negocio de Medio Ambiente en España e Portugal do Grupo Cespa- Ferrovial Servicios.

O Concello mantén as reparticións habituais cada mes e recompilou entre a Asociación de Escolas de Surf de Patos e os colexios do municipio máis dunha tonelada de alimentos non perecedoiros de todo tipo. Ante a redución da programación de grandes eventos deportivos ou certames de corais debido ao protocolo sanitario, o Concello de Nigrán desenvolveu este ano a recollida de alimentos nos centros educativos e escolas deportivas para que cumpra unha función educativa e de concienciación entre os pequenos. Así, nesta campaña participaron as Escolas de Surf, ED Val Miñor, CEIP A Cruz, CPI Arquitecto Palacios, CEIP Carlos Casares, CEIP Humberto Juanes e E.I. A Galiña Azul.

“O Concello de Nigrán ten un Banco de Alimentos Municipal que cobre as necesidades dos máis vulnerables e funciona todo o ano, pero estas iniciativas solidarias son de gran axuda encadrándose nunha función de concienciación social moi necesaria”, explica o alcalde.