Baiona recibirá máis de 11.000 € para a adquisición de 10 colectores de lixo de carga lateral

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Un dos novos colectores de carga lateral.

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante unha resolución presidencial, unha nova achega para Baiona ao abeiro do Plan Concellos 2018. Trátase esta vez dunha axuda de 11.387,04 euros cos que a vila do Val Miñor poderá mercar oito colectores de lixo grandes con carga lateral, dúas unidades pequenas e 12 centradores que serán destinados ás parroquias de Baíña e Belesar.

Ademais desta cantidade, o goberno provincial a través da Liña 1 do Plan Concellos xa adxudicou anteriormente un importante investimento para Baiona. En concreto, 168.995,46 euros para a reurbanización e acondicionamento do acceso á Igrexa de San Lourenzo de Belesar e da praza Antonio Taboada Tabanera.

Ademais, a Deputación de Pontevedra adxudicou 40.000 € no que corresponde á Liña 2 e tamén outros 208.237,36 € que foron destinados ó financiamento da contratación de 38 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da Liña 3 de emprego

A Deputación destina este ano a Baiona, ao través do Plan Concellos, un total de 1.582.966 euros, un 76,71% máis que en 2017.