O Vigo-Rías Baixas recibe como agasallo de Nadal a polivalencia de Navarrete

O 2021 foi máxico para o Vigo-Rías Baixas e Papá Noel premiou cun agasallo en forma de fichaxe ao equipo que este ano se adxudicou a Clasificación Elite española. Marcos Navarrete incorpórase á estrutura presidida por José Luis Chamorro. O cuarto reforzo flúor para a tempada 2022 destaca pola súa polivalencia e procede do Netllar Telecom-Alé.

O próximo 4 de xaneiro o ciclista da localidade barcelonesa de Esplugues de Llobregat cumprirá 23 anos. Nas catro campañas que leva competindo na categoría que exerce de antesala do profesionalismo, Navarrete distinguiuse pola súa polivalencia. Sirvan como exemplo os seus resultados en 2021. Foi capaz de lucir a camisola da montaña no Gran Premio dos Azores, de terminar terceiro nunha proba dun día como o Trofeo de Reus ou de meterse no top-10 do prólogo da Volta a Zamora.

“Son un corredor bastante completo, non me dá medo nada”, sinala o catalán, que se considera un todoterreo: “Dáseme ben o chairo e tamén as subidas. O que si necesito é un director que me saiba levar”. Tras dúas tempadas na escuadra que pertence á Fundación Benicadell, cambia de aires e recala “nun dos mellores equipos do pelotón español. O Vigo-Rías Baixas ofrece un dos calendarios máis completos da categoría. A súa forma de traballar encaixábame e a idea que me expuxo Gerardo Chamorro acaboume de convencer”.

Navarrete únese ao conxunto olívico cun primeiro reto moi definido. A Copa de España, certame reservado a menores de 25 anos, concentrará a atención do ciclista barcelonés no primeiro semestre do ano: “Estou moi motivado. Desde a dirección do club remarcáronme que había que chegar en moi boa forma ao arranque da Copa e para iso estou mentalizado agora mesmo. Teño as cousas moi claras”.

As outras tres altas desveladas nas últimas semanas pola entidade flúor (Joao Leite, Martín Rey e Yurgen Ramírez) tamén formarán parte do bloque que aspira a brillar na Copa. O circuíto de carreiras máis prestixioso do calendario estatal volverá ter en 2022 ao Vigo-Rías Baixas como organizador dunha das súas citas. O 15 de maio celebrarase a segunda edición da Vigo Copa España.