A nena togolesa tratada no Álvaro Cunqueiro regresa ao seu fogar

Chaki, a nena Togolesa que se trasladou desde o seu país a Vigo para ser atendida no Álvaro Cunqueiro, xa recibiu a alta médica e regresará en breve ao seu país, unha vez que concluíu con éxito o tratamento que recibiu no hospital vigués. É o terceiro caso que se realiza ao amparo do acordo de colaboración que asinou a Área sanitaria de Vigo e a ONG “Tierra de Hombres” para atender a menores de países africanos. Chaki, de 3 anos, naceu cunha malformación conxénita que lle impedía ter unha vida normal. Era necesario sometela a un tratamento de cirurxía pediátrica e asistencial de uroloxía, que non era posible en Togo, polo que entrou no programa da ONG para ser tratada en Galicia. Chegou a Vigo hai once meses.

Os facultativos que a atenderon consideran que, tras a intervención e a posterior recuperación está xa en perfectas condicións para regresar a Togo. Por ese motivo, o Álvaro Cunqueiro organizou un agarimoso acto de despedida no que participaron o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; o delegado da ONG en Galicia, José Raúl Besada; o equipo profesional que atendeu á nena no hospital e voluntarios da ONG. Ao acto tamén asistiron Silvia y Carlos que exerceron como familia de acollida, xunto coa súa filla, a pequena Sabela.

No tratamento de Chaki participaron profesionais dos servizos de Cirurxía pediátrica, Anestesioloxía, Radioloxía e Pediatría do CHUVI. O xerente da Área de Vigo, Javier Puente, agradeceu a Tierra de Hombres a oportunidade de participar neste proxecto e salientou “o compromiso solidario de todo o persoal que interveu na súa atención xa que non hai maior satisfacción que poder axudar a estes nenos e ver como retornan coas súas familias curados das súas doenzas ou cunha maior calidade de vida”.

Pola súa banda, o delegado da ONG en Galicia, José Raúl Besada agradeceu a excelente acollida deste proxecto nesta Área sanitaria viguesa e o labor e a implicación do seu persoal, “que en moitos casos vai máis alá do estritamente profesional”.

Acordo solidario

A Xerencia da Área Sanitaria de Vigo e a ONG “Tierra de Hombres” manteñen un acordo de colaboración para desenvolver no Hospital Álvaro Cunqueiro un programa de atención sanitaria para nenos e nenas africanos con patoloxías graves, e que non poden recibir o tratamento necesario no seu país dada a súa complexidade. O protocolo enmárcase dentro do programa “Viaje hacia la vida”, que a ONG subscribiu para Galicia co Servizo Galego de Saúde.

A adhesión da Área Sanitaria de Vigo a este programa serve, ademais, para dar cumprimento a un dos aspectos que se inclúen no Plan Estratéxico da organización, o referido á solidariedade na práctica asistencial e institucional. Chaki é a terceira paciente que atende o Álvaro Cunqueiro grazas a este acordo. A idea inicial é que o hospital vigués poida atender dous ou tres casos similares ao ano.

Para levar a cabo este proxecto é necesario poñer en marcha os protocolos e autorizacións necesarios para o traslado da menor ata Vigo, a súa estancia na cidade, o seu tratamento no hospital e a posterior volta ao seu país de orixe. Son procesos administrativos que requiren o seu tempo porque están implicadas varias administracións.

Familias de acollida

Mentres os nenos e nenas teñen que vivir en Vigo para tratarse no hospital, residen no domicilio dunha familia voluntaria contactada con anterioridade pola organización non gobernamental.

Dispoñer de familias de acollida é un dos elementos fundamentais para o desenvolvemento deste programa solidario. Por iso, os responsables de “Tierra de Hombres” fan un chamamento a familias de Vigo, para que, se desexan participar neste programa solidario contacten coa ONG no teléfono 628367030 ou a través do correo electrónico: deleg.galicia@tierradehombres.org.