“É tempo de Nadal” en Gondomar

Baixo o lema “É tempo de Nadal” desenvolverase o programa que a Concellaría de Cultura de Gondomar preparou para estas festas, e que, tras a inauguración da iluminación do Nadal ten nesta fin de semana citas especiais e ineludibles para os máis novos e novas das familias. “Queremos que sexan os protagonistas, porque neles/as vive a ilusión do Nadal e porque a transmiten como ninguén ás súas familias e a todos nós”, afirma o alcalde de Gondomar Paco Ferreira, quen convida a gozar destes días á veciñanza “pero por suposto con todo o sentidiño e precaución que a realidade nos está a marcar”.

Esta fin de semana en Gondomar cruzaranse o señor e a señora Noel, o Apalpador e personaxes do mundo Disney aos que se poderá saudar na carpa da Praza Paradela e entregar as cartas nas que se piden os agasallos. A primeira en chegar será “Mamá Noel”, o día 22 a partir das 16:30 horas para atender as peticións de última hora. Será o día 23 cando en Gondomar recibirase a Papa Noel, que sentará na Carpa da Praza Paradela a partir das 16:30 horas e, sabendo o requirido que está nestes días, volverá a Gondomar o 24 de decembro, desde as 16:30 horas, xornada na que estará acompañado pola Rondalla de Chaín.

Non faltará a cita tradicional coa Agrupación Musical de Vincios, que o xoves 23 de decembro ofrecerá o seu tradicional concerto de Nadal, coa actuación das súas bandas que interpretarán un variado repertorio no que non faltarán as panxoliñas e outros temas ben coñecidos, a partir das 16:30 horas. A tradición tamén estará presente no tempo de Nadal de Gondomar coa visita do Apalpador que, acompañado polo seu compañeiro Servando Barreiro e o seu burricán Río Lor, chegará a Gondomar ás 12:00 horas do mesmo día de Nadal, nunha actividade promovida pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Esta fin de semana festiva pecharase cunha sesión vermú que amenizará o domingo 26, a partir das 12:00 horas a Praza Paradela, coa actuación de Juan Cura, coa colaboración da Asociación de Artistas Vocálitis.