Sin categoría

Persoas con discapacidade de Baiona participan nun curso de competencias matemáticas

As instalacións que COGAMI ten en Vigo (rúa Teixugueiras, nº15, baixo) acollen un curso AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) de Competencias en Matemáticas nivel 2.

Esta formación, que cofinancian a Consellería de Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, consta de 138 horas lectivas que se imparten ata o día 28 de xaneiro de 2022, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Esta formación, ademais do módulo de matemáticas, tamén contará con dous módulos transversais, sendo un deles sobre inserción laboral, sensibilización medioambiental e igualdade de xénero con 10 horas de duración, ademais doutro módulo de formación para a igualdade de 8 horas de duración.

O curso inicia con 12 persoas, 8 mulleres e 4 homes, todas elas con certificado de discapacidade do 33% como mínimo ou de incapacidade laboral para a profesión habitual, procedentes dos concellos de Vigo, Baiona e Salvaterra do Miño.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI.