O Club Baloncesto Nigrán cambia o formato do seu torneo polo Covid

O Club Baloncesto Nigrán tivo que modificar o seu tradicional Torneo do Nadal “Encesta un alimento” para adaptalo ás novas circunstancias debidas ao gran incremento de casos nos últimos días polo Covid 19. Desde a directiva do club tomaron a decisión de suspender as competicións no devandito torneo, pero non a recollida de alimentos, obxectivo principal do mesmo.

A recollida de alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene e cueiros realizarase os días 22 e 23 en horarios de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas no Pavillón de Panxón. Cada persoa que entregue algún alimento será obsequiada cun pequeno detalle e unha rifa para entrar nos sorteos de diferentes premios. Ademais poderán conseguir unha rifa extra se queren probar sorte e encestan un tiro libre ou dous máis no caso de que sexa un triplo.

Os sorteos dos premios realizaranse durante a clausura do devandito evento, que terá lugar o xoves día 23 ás 20:00 horas no propio pavillón, momento no que se fará entrega de todo o recadado ao Concello de Nigrán. Desde o club convidan a todos aqueles que queiran colaborar a que leven alimentos ou produtos de hixiene ao pavillón durante os dous días do Torneo.