A ED Val Miñor e Ureca entregan ao Concello de Nigrán 139 quilos de alimentos e produtos de limpeza

O Concello de Nigrán recibiu esta fin de semana 139 quilos en alimentos non perecedoiros e de limpeza grazas á campaña solidaria de Nadal da ED Val Miñor Nigrán e Ureca. Todo o recadado pasará a formar parte do Banco Municipal para distribuír entre as familias en situación de vulnerabilidade.

Os 139 quilos forman parte da iniciativa “Goles e Sets solidarios” mediante a cal a escola de fútbol transformou os goles a favor ou en contra da fin de semana en doazóns de 1 quilo e a sección de tenis e pádel de Ureca os sets gañados. A maiores, os deportistas de ambas as dúas entidades foron depositando desde o 16 de decembro doazóns particulares de alimentos, xoguetes, produtos de limpeza ou hixiene…

Adicionalmente, o Club Baloncesto Nigrán Nigrán, ante a alta inicidencia de Covid-19, suspende o torneo solidario “Encesta un alimento” pero mantén a recollida de alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene e limpeza os días 22 e 23 no Pavillón de Panxón de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Cada persoa que faga unha doazón será agasallada cun pequeno detalle e unha rifa (poderá recibir máis se encesta algunha canastra) cuxo sorteo se realizará o día 23 ás 20:00 horas no propio pavillón.

“Estamos moi agradecidos a estes clubes, estas iniciativas reflicten o gran compromiso social das nosas entidades deportivas e os seus valores, polo que estamos especialmente orgullosos”, subliña o alcalde, Juan González.