Os campións dos bolos celta recollen os seus diplomas e trofeos en Mañufe

A Federación Galega de Bolos, con Isidro Costas e José Rodríguez á cabeza, celebrou este sábado no Centro Cultural de Mañufe a súa V Gala do Deporte, na que se entregaron as distincións e trofeos aos clubs e xogadores destacados nas tempadas 2020, ano no que non se celebrou a gala polas restricións sanitarias impostas no seu día, e 2021. Tamén se entregaron os trofeos correspondentes ao Torneo de Nadal da tempada 2019 e o Trofeo Ibérico a medios de comunicación e institucións.

O bolo celta, ademais de en Galicia practícase en Asturias, Madrid e Sudamérica (Bos Aires e Montevideo), con pequenas variantes, pero todos eses lugares como pasabolo, é dicir, impulsar os bolos a unha distancia determinada, na que se necesita ademais de forza física, precisión.

Ademais dos torneos organizados polas Federacións Española e Galega de Bolos, para o próximo ano teñen programada a organización dun torneo intercontinental, e que por primeira vez e paralelamente co torneo masculino, desenvolverase un torneo feminino que se celebrará en Galicia a mediados de ano, no que participarán, ademais das seleccións española, galega, asturiana e madrileña, o Centro Valle Miñor de Montevideo (Uruguai) e a Asociación Arxentina de Bolos, que aglutina os centros Valle Miñor, Centro Cangas de Narcea e Centro Galicia de Bos Aires (Arxentina).

Tamén está previsto subscribir un convenio cos tres concellos miñoranos, a través da Mancomunidade, para desde a Federación impartir clases de bolo celta nos distintos colexios da comarca e tamén dentro das escolas deportivas de cada un dos tres municipios.

Tras a proxección dalgunhas fotos dos distintos campionatos nacionais, rexionais e locais celebrados durante este ano e un minuto de silencio por xogadores e colaboradores falecidos durante a presente tempada -Jose Villamarín, xogador do club de bolos Mañufe; Roberto Navós, xogador do Centro Valle Miñor de Bos Aires (Arxentina); Pepe Costas, presentador da gala durante os últimos catro anos; e Jesús García “Chus”, xogador asturiano-, comezou a entrega de galardóns, da man dos alcaldes de Baiona, Gondomar e Nigrán, Carlos Gómez, Paco Ferreira e Juan González, e os concelleiros de Deportes de Gondomar e Nigrán, Nuria Lameiro e Jose Luís Sanromán.

Entregáronse un total de 228 diplomas e 87 trofeos. Todos os galardoados, xogadores e clubs, das categorías pre-benxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, feminina, sénior e veteranos e superveteranos, pertencen á comunidade galega, en maior parte á provincia de Pontevedra e máis concretamente á zona sur. Tamén xogadores e clubs das provincias da Coruña, Lugo e Ourense.

Primeiro entregáronse os diplomas dos anos 2020 e 2021, os trofeos e diplomas do Torneo de Nadal do 2019, e para finalizar, os diplomas e trofeos dos torneos das tempadas 2020 e 2021. Ademais entregouse o V Trofeo Galaico a medios de comunicación e institucións que foi instituído no ano 2016, e que foi concedido nesta edición ao Concello de Baiona. Ao finalizar a gala os asistentes puideron gozar duns petiscos.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.