O IEM organiza o obradoiro literario “Transitar a poesía”

O Instituto de Estudos Miñoráns, coa colaboración do Concello de Gondomar, organiza o obradoiro literario “Transitar a poesía” impartido por Arancha Nogueira, gañadora do XII Certame de poesía Victoriano Taibo. O obradoiro, de carácter gratuíto, comezará o mércores 12 de xaneiro de 2022 e constará de 6 sesións de 3 horas a celebrar cada dúas semanas na sede do IEM en Gondomar. O prazo de inscrición comeza o venres 17 de decembro e permanecerá aberto ata completarse as prazas dispoñibles.

En palabras da propia autora, o obradoiro pretende aprendernos a descubrir con outra ollada os espazos que transitamos, desde os máis externos aos máis íntimos, poetizando a realidade e dándonos claves de lectura e escrita a través de textos de diversas autoras e exercicios prácticos.

O grupo PUGA do IEM espera que o obradoiro serva tanto para a promoción do uso do idioma galego mediante a poesía así como a creación dunha canteira de poetas da que poidan saír futuras/os participantes e gañadoras/es do Certame de poesía Victoriano Taibo.

As inscricións faranse preferentemente no formulario da ligazón seguinte https://forms.gle/YBeBi1w8LRH9hHtj8 ou no código QR do cartel anexo. O proceso é moi sinxelo e pode facerse dende o propio móbil. En caso de ter algún problema pódese chamar ao número de teléfono 687553651 para recibir axuda.