Convidan ás empresas de Vigo e a súa contorna a participar nunha gran recollida de xoguetes solidaria

As empresas viguesas MundiNova Consultores de Comunicación e QualityNova Consultores, en colaboración coa ONG Asdegal e coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, puxeron en marcha unha nova edición da campaña “A túa Empresa, un Sorriso de Nadal”.

Esta iniciativa, que forma parte da política de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) de ambas as dúas compañías, ten por obxectivo promover, entre as empresas da comarca de Vigo e os seus empregados, unha recollida de xoguetes novos que serán doados a Cáritas Diocesana Tui – Vigo, á Asociación de Amigos de Venezuela en Vigo e á Asociación de Veciños Cristo da Vitoria de Coia para que os fagan chegar este Nadal aos nenos con menos recursos da cidade.

Desde o xoves 16 de decembro ata o día 30 de decembro, as empresas da comarca de Vigo que queiran participar nesta campaña poderán rexistrarse a través do teléfono 629760176 ou no email sonrisadenavidad@asdegal.org. As empresas participantes establecerán un punto de recollida nas súas instalacións para que os empregados poidan deixar os seus xoguetes e posteriormente entregaranos nos locais que Asdegal habilitou no número 5 da rúa Torrecedeira e no número 12 da rúa Joaquín Yañez en Vigo.

Ademais, as persoas que por conta propia desexen colaborar coa campaña poderán achegarse a estes locais e depositar alí os seus xoguetes nos seguintes horarios:

  • Rúa Joaquín Yañez, 12 (Casco Vello) – Martes de 11:00 a 13:00 horas e mércores de 17:00 a 20:00 horas
  • Rúa Torrecedeira, 5 – Luns e xoves de 17:00 a 20:00 horas

Lear Corporation, empresa de compoñentes do sector de automoción, é unha das compañías que xa se sumou a esta campaña animando aos seus empregados a que realicen as súas doazóns.

Diego Maraña, promotor da iniciativa, destaca a necesidade de que as compañías da nosa contorna poñan en marcha políticas de RSE que contribúan á mellora da calidade de vida dos máis desfavorecidos e por iso participar nesta campaña non require para as empresas ningún tipo de gasto económico, unicamente unha mínima achega do seu tempo para un bo fin social.

Nadal acompañad@s

Ademais de “A túa Empresa, un Sorriso de Nadal”, MundiNova e Qualitynova, en colaboración con Asdegal e coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, tamén puxeron en marcha recentemente a segunda edición da campaña “Nadal acompañad@s” que ten por obxectivo que familias de Vigo acollan nas súas comidas e ceas do Nadal a persoas soas ou sen fogar e conseguir así que ningunha persoa pase estas festas en soidade.