Alumnado do IES Primeiro de Marzo representa este luns en Vigo a obra “Invisible”

Este luns 20 de decembro celebrarase unha xuntanza de equipos de Igualdade que loitan, dende os institutos, contra as violencias machistas. Neste encontro participarán tres centros escolares de Vigo, o Comando Igualdade do IES Alexandre Bóveda, o Equipo Morgana do IES Álvaro Cunqueiro e o Club Diversidade do IES Valadares, e un de Baiona, a Aula de Igualdade do IES Primeiro de Marzo. O obxectivo é compartir e debater actividades e propostas educativas que loitan contra a violencia de xénero desde os espazos escolares.

Nestas xornadas, o alumnado do Ciclo Superior de Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo (Baiona), representará a obra de teatro “Invisible”, con guión orixinal e co obxectivo de visibilizar as violencias de xénero que as mulleres sofren no día a día. A través da voz, o corpo e a narración da historia de Anduriña, unha rapaza de 17 anos, o alumnado busca transmitir que ante a violencia de xénero, é necesario alzar a voz.

Este espazo compartido pretende continuar o traballo que dende estes institutos levan anos realizando para concienciar e reivindicar sobre a necesidade de rematar coa violencia de xénero.