Ribera Povisa fai indefinido o contrato dunha trintena de traballadores eventuais

O hospital Ribera Povisa comunicou esta semana a unha trintena de traballadores eventuais que o seu contrato pasa a ser indefinido. Fíxoo durante un acto celebrado no salón de actos ao que acudiron o xerente, Rafael Cabadas; a directora de Enfermería, Cristina Serra, e o director de Xestión de Persoas, Francisco Susavila.

“Demostrastes a vosa valía e compromiso cos pacientes e estamos seguros de que seguiredes traballando do mesmo xeito a partir de agora”, remarcou Rafael Cabadas ante os asistentes, que foron informados durante o acto do cambio nos seus contratos. “O noso obxectivo é seguir apostando pola estabilidade do persoal”, explicou Francisco Susavila. Pola súa banda, Cristina Serra tamén lles deu as grazas polo esforzo realizado ao longo do tempo que levan vinculados ao hospital.

Desde a chegada do grupo Ribera, en outubro de 2019, máis dun centenar de traballadores con contratos eventuais foron transformados en indefinidos, co que se alcanza o 85 por cento do total do persoal, conformada por unhas 1.500 persoas.

A medida, adoptada este mes e que se fará efectiva de inmediato, inclúe a persoas de distintas categorías profesionais, tanto sanitarias como non sanitarias.

En concreto, serán 12 profesionais de Enfermería, 11 técnicos en coidados auxiliares de Enfermería (TCAE), 4 técnicos de Radiodiagnóstico, 4 camareiras do servizo de Hostalería e un técnico de mantemento.