Máis de 250.000 quilos de alimentos recadados durante a Gran Recollida do pasado mes de novembro

Máis de 250.000 quilos de alimentos recadados durante a Gran Recollida celebrada o pasado mes de novembro por parte da Fundación Provincial Banco de Alimentos. Unha vez finalizado o cómputo total das achegas dinerarias rexistradas durante a recente campaña solidaria ao pasar pola caixa dos supermercados, a través da web e vía Bizum, constátase que estamos ante unha cifra por baixo da metade do recadado hai un ano cando a ONG bateu todos os récords, logrando un dato histórico: 550.000 quilos de alimentos.

Sen dúbida, a Gran Recollida 2020 desenvolveuse dentro dun contexto social excepcional cunha sensibilidade máis que especial polo estalido da pandemia e a súa prolongación no tempo. Actualmente, a situación económica non é a máis favorable e o incremento dos prezos básicos á alza auguran un futuro inmediato non moi diferente.

Cos 550.000 quilos de alimentos recadados na Gran Recollida 2020 puideron facer fronte a todas as necesidades que as entidades homologadas coas que traballan foron demandando ao longo do ano pasado. Agora, con estes máis de 250.000 quilos de comida lograda, poderán afrontar de maneira óptima as necesidades das 22.000 persoas vulnerables ás que atenden, durante os primeiros meses de 2022.

Todo apunta que o ano próximo o Banco de Alimentos volverá impulsar e a levar a cabo distintas accións solidarias buscando de novo a complicidade da cidadanía e evitar, así, o desabastecemento dos dous almacéns actuais: o de Lavadores (Vigo) e de Faustino Santalices (Pontevedra).

Doantes, grazas

Desde a Fundación Provincial Banco de Alimentos agradécese publicamente o compromiso demostrado pola cidadanía que, a pesar da situación económica complicada, achegou o seu gran de area solidario poñéndose na pel das persoas que máis o necesitan.

Así mesmo, séntense orgullosos de contar coa presenza dun padriño como o actor vigués Pedro Alonso, mundialmente coñecido pola súa interpretación en “La Casa de Papel” de Netflix. O noso embaixador da Gran Recollida 2021 estivo fisicamente tanto en Vigo como en Pontevedra dando visibilidade ao labor do Banco de Alimentos e apoiándonos coa súa sensibilidade e compromiso.

Actividade Banco de Alimentos

A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de 2 millóns de quilos de comida durante 2020, un 17 por cento máis con respecto ao ano anterior, debido ao estalido da pandemia e as súas negativas consecuencias. Xa no primeiros seis meses deste 2021, entregou máis dun millón de quilos de alimentos.

A ONG, apolítica e aconfensional, atende a máis de 21.000 persoas sen recursos na actualidade ás que chega a través das 150 entidades homologadas coas que traballa. O seu principal obxectivo é cumprir cun dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta.