A Garda Civil intercepta a un cabalo solto pola estrada en Nigrán

Os animais soltos na calzada supoñen un grave perigo para a circulación rodada. Onte, á tardiña, unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño tivo que empregarse a fondo para interceptar a un cabalo que trotaba libremente pola calzada producindo un grave atasco, coa circulación retida nos dous sentidos, no Km. 9 da estrada PO-325, á altura da localidade de Nigrán. Nun curto espazo de tempo, un dos compoñentes da patrulla puido alcanzar o cabezal do equino e retelo fóra da calzada, restablecéndose a circulación sen incidentes. Momentos despois compareceu o propietario do animal, alegando que se lle escapou dunha leira próxima.