
Ante as inexistentes alternativas habitacionais no municipio para persoas en risco de exclusión social, entre elas mulleres vítimas de violencia de xénero que teñen que mudarse a outros municipios para acceder a unha vivenda, a formación local de Podemos Nigrán solicita que se leve a cabo un Plan Estratéxico de Vivenda Social coa máxima urxencia.
Así mesmo, consideran conveniente incorporar a este plan aqueles fogares que presentan dificultades para facer fronte aos gastos da vivenda, así como os espazos vitais que non posúen servizos mínimos, incapaces de protexer ante as inclemencias climáticas, ou presenten dificultades de acceso.
Instan ao Concello de Nigrán a que se comprometa a fixar e destinar unha porcentaxe do Imposto de Bens Inmobles para a execución deste plan.
Igualmente para facer efectivo este programa, a formación morada propón que se utilicen os recursos e ferramentas municipais ao servizo das políticas de vivenda, tales como terreos ou edificacións que se atopen rexistradas no Rexistro Municipal de Solares e Edificacións Ruinosas ou recursos integrantes do Patrimonio Municipal do solo e das vivendas titularidade do Concello.
En Podemos Nigrán consideran que a solicitude da desafectación da casa Balinfra de Camos feita por parte do Concello de Nigrán á Xunta de Galicia, “é un mero movemento de marketing político, xa que de ter vontade para dar solución a esta problemática empregaríanse os medios municipais existentes para facelo posible”.