“6 cimas, un xoguete”, novo reto do gondomareño Daniel Fernández Cerzón

Baixo o lema “6 cimas, un xoguete”, o gondomareño Daniel Fernández Cerzón asume esta fin de semana o seu sexto reto, que nesta ocasión busca o apoio para a campaña “Gondoilusión”, promovida polo Concello de Gondomar para garantir un agasallo para nenos e nenas de familias en situación de vulnerabilidade.

“O 11 de decembro é o Día Internacional da Montaña, e que mellor lugar para visibilizalo que a nosa privilexiada contorna. Hai poucos anos un gran incendio devastou as nosas montañas e bosques, ademais no meu día a día practicando deporte pola montaña atópome quilos e quilos de lixo tirado e contaminación. Por iso o que pretendo é visibilizar o noso ben máis querido como é a montaña, tan necesaria no noso ecosistema”, apunta o mozo gondomareño.

Daniel Fernández partirá ás tres da madrugada do vindeiro domingo 12 de decembro desde a Praza Paradela para cubrir un percorrido de 150 kms, cubrindo nel as seis cimas das comarcas de Vigo, Baixo Miño e Val Miñor, é dicir, Monte Castelo, Monte Alba, Galiñeiro, Monte Aloia, Santa Tegra e a Serra da Groba, enfrontándose ao frío, a escuridade e soidade.

Un percorrido que confía rematar en 17 horas chegando ás 20:00 horas á Praza Paradela, conseguindo que “nese tempo sexan moitos os donativos que se fagan chegar á conta de Gondoilusión en ABANCA”.

“Como cada un dos retos que fago este terá un compoñente solidario. Tiña claro que quería axudar ás familias máis desfavorecidas da nosa contorna e aproveitando estas datas e a axuda do Concello de Gondomar, que me apoiará neste reto, decidimos incluílo na campaña Gondoilusión, que pretende recadar diñeiro e xoguetes para os nenos das familias máis desfavorecidas para que poidan gozar dun xoguete (un sorriso) este Nadal, ademais de alimentos para que poidan vivir unhas festas decentes”, conclúe Daniel.