Nigrán inicia as obras para achegar o abastecemento a preto de cen vivendas de Camos e A Tarela

O Concello de Nigrán iniciou a semana pasada as obras para ampliar a rede de abastecemento de auga inicialmente a 90 vivendas de Camos e A Tarela a través de tres conexións coa tubaxe xeral na rúa dos Pazos (os puntos xa quedaran previstos cando se realizou esta primeira obra no 2017). Os traballos, adxudicados a Soden Soluciones Integrales, teñen un orzamento de 177.156 € con cargo al Remanente de Tesourería e un prazo de execución máximo de 3 meses.

Concretamente, beneficiaranse nun primeiro termo as casas situadas na contorna de Camiño da Rega, Tarela e Grilo (Nigrán) e rúa do Seixo, Carballal, Do Río, Das Viñas e Avoa Carmela (Camos) sumando máis de 2.782 km, a maiores esta obra permitirá dar servizo a posteriori a zonas máis afastadas ao instalarse unha tubaxe a tal efecto. As obras inclúen apertura de gabias, colocación da tubaxe, execución de arquetas e instalación de válvulas, recheo e reposición de pavimento.

“Cando chegamos ao goberno no 2015 o fixemos co compromiso de levar a auga a todas as parroquias e en menos de 4 anos conseguimos non só achegar o servizo a Camos por vez primeira no 2017, se non que a totalidade de Parada o teña. Agora traballamos para continuar ampliando en Camos e chegar por vez primeira a Chandebrito, xa que existe unha clara demanda social ao respecto, como é lóxico”, sinala o alcalde, Juan González

Así, na parroquia de Camos o subministro público chegou por vez primeira no 2017 a través da rúa dos Pazos (ata o Centro Cultural) e no 2019 desde aí medrou ata a rúa San Roque, e xa no 2020 e grazas, precisamente, á nova rede de abastecemento municipal na parroquia veciña de Parada, fornece en Camos aos barrios de Castelo, A Lama e O Rial e ás vivendas situadas nas inmediacións da PO-332, rúa dos Pazos. “Queda pendente a parte alta de Camos e Chandebrito na súa totalidade, ese é o noso compromiso de goberno para estes anos”, finaliza González.