As familias e a súa relación cos adolescentes, nova cita en Gondomar dentro do programa “Falamos”

Os próximos días 10 e 11 de decembro o programa “Falamos”, organizado polo goberno local de Gondomar, a través da súa Concellería de Xuventude, ofrecerá charlas dirixidas ás familias de adolescentes, cuxo papel é vital no seu desenvolvemento. As charlas, abertas ao público en xeral, buscan facilitar as ferramentas precisas para garantir unha convivencia saudable entre ambos. Os interesados/ as poderán inscribirse en omix@concellodegondomar.gal.

O ciclo “Falamos”, enmarcado dentro do Plan Concellos da Deputación Provincial, completou unha primeira parte con charlas-obradoiro impartidas á mocidade dos institutos de Gondomar traballando sobre conceptos como as diferentes formas de violencia e como abordalas, ou as capacitacións e as opcións do mercado laboral.

Quenda agora para as familias para as que se programaron dúas charlas, que se impartirán no centro neural. A primeira delas, o venres 10 de decembro entre as 20:00 e as 22:00 horas, titúlase “Lindes vermellos na adolescencia” e nela abordaranse os límites ata o de agora aceptados, o que está ben, non ou non queda claro, facilitando ferramentas para distinguilos e saber onde deben poñerse.

O sábado 11 de decembro, entre as 11:00 e as 13:00 horas, tratarase sobre “A realidade do meu fillo/a adolescente”, na que se falará abertamente da realidade debuxada polos mozos e mozas nos obradoiros desenvolvidos nos institutos, “a que eles/ as viven e como a viven”.

O aforo será limitado pola situación sanitaria polo que toda as persoas interesadas en participar deberán reservar praza a través do teléfono 986 369.746 ou en omix@concellodegondomar.gal.