Baiona instalará na Praza do Concello unha pista de xeo sintético de 100 metros cadrados

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a concelleira de Cultura, Miriam Costas, foron os encargados este venres de acender a iluminación do Nadal de Baiona xunto con Marcos Comesaña, presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), e Abel Martín, de La Fiesta Escénica, empresa encargada da construción das carrozas dos Reis Magos e do poboado do Nadal instalado na Alameda Carabela Pinta.

No acto presentouse ademais a programación cultural BaiNadal 2021-2022, coa que o Concello de Baiona aposta pola dinamización da vila, coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2021, e na que participarán as asociacións culturais do municipio, “que retornan ao escenario con todos os nervios e ilusión que iso conleva despois do parón de case ano e medio”, destacou a edil de Cultura.

A programación arranca este mesmo sábado, 4 de decembro, co Festival Solidario “O Nadal no Camiño” no Auditorio V Centenario, a favor da ONG Ayuda al Mundo Necesitado, coas actuacións do grupo de música pop-rock español da década dos 80 e 90, La Patrulla, o Grupo de Baile Giro’s, e para finalizar a participación do cantautor Rubén de Lis. O 12 decembro, para os máis peques da casa terá lugar o espectáculo infantil “A Bailar no Nadal”, do grupo Animar- t.

O día 18 celebraranse as Prebadaladas de Fin de Ano, cunha noite chea de música da man de Los Mecánicos e do dinamizador e humorista local Rafa Durán. Un gran reloxo previsto para a ocasión dará as prebadaladas na Praza do Concello, dando a prebenvida ao aninovo 2022. O programa continuará coas tradicionais galas do Nadal das escola de baile de Baiona, como Galicia en Danza e Dando la Nota de Baredo.

O 22 de decembro o carro de Papa Noel de Pablo Méndez Performances percorrerá as rúas do Casco Vello e Carabela Pinta, enchendo de ilusión e maxia aos máis pequenos. Tamén haberá actividades como Cinema do Nadal o 23 e 28 de decembro no Multiusos Mercado de Sabarís, coa proxección das películas “Santa Claus & Compañía” e “La primeira Navidad”. O 25 de decembro o Apalpador visitará Baiona, ás 19:00 horas na rúa Carabela Pinta.

O día 26 celebrarase no Auditorio V Centenario o I Festival-Homeaxe á Tradición no Val Miñor, con grupos de toda a comarca. Os pasarrúas coas charangas Nova Cubana (Casco Vello de Baiona o día 18) e Va K Pinta (domingo 19 en Sabarís), e da Rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín (domingo 26 en Sabarís), amenizarán as rúas da vila durante o BaiNadal.

O Auditorio V Centenario acollerá o 29 de decembro o tradicional concerto de fin de ano da Banda de Música de Baiona, o día 30, o espectáculo Mitic Rock Kids, ideado para gozar en familia xunto cos máis pequenos da casa e para o que será necesaria a reserva de entradas a partir do 23 de decembro, e o 2 de xaneiro, o espectáculo Nadal con Super Meiga, que fará as delicias das nenas e nenos.

O 3 de xaneiro o carro do Carteiro Real de Pablo Méndez Performances encherá de ilusión as principais rúas da vila, desde as 18:00 ata as 20:00 horas. O día 4, os Reis Magos visitarán as catro parroquias do municipio: Baredo, Baíña, Belesar e Santa Cristina da Ramallosa. O 5 de xaneiro a Gran Cabalgata de Reis sairá desde a Praia de Santa Marta ás 18:00 horas. Finalmente, a Gala de Maxia no Auditorio V Centenario pechará o Nadal o 7 de xaneiro.

Ademais, a concelleira de Cultura, Miriam Costas, anunciou que desde o 28 de decembro ata o 9 de xaneiro, instalarase unha Pista de Xeo sintético de 100 metros cadrados na Praza do Concello, totalmente ecolóxica, feita de placas sintéticas que permiten unha experiencia similar ás pistas de xeo, totalmente gratuíta para os máis patinadores da casa, a partir dos 6 anos.

Acto seguido, tivo lugar a actuación das Cherry Sweet co seu espectáculo Cherry Christmas.