Andaina e concentración en Gondomar contra os eólicos

FOTO: SOS GROBA // Recreación do parque eólico na Serra do Galiñeiro.

Ante a ofensiva eólica en toda España e en particular en Galicia a coordinadora “Eólica, así non”, que agrupa a 58 asociacións, federacións, grupos ecoloxistas, plataformas e entidades e que ademais está apoiada por moitos outros colectivos veciñais, culturais, políticos e sindicais de todo o país, convoca unha mobilización para o sábado 11 deste mes de decembro. Co gallo do Día Mundial das Montañas faise unha mobilización por unha moratoria eólica real e efectiva “ante a falsa moratoria anunciada pola Xunta de Galicia que non soluciona este problema do monte galego”.

“Todo o noso territorio é agora vítima de 300 proxectos máis cando leva décadas de explotación eólica sen control. Trátase dun expolio para o servizo das multinacionais coa connivencia das administracións públicas e é unha farsa dende o punto que a toda hora se pregoa a necesidade da pervivencia do rural en Galicia!!! A agricultura precisa do monte, a auga provén do monte, os montes son a primeira referencia da paisaxe, o monte contén valores culturas e idiosincráticos, e por suposto no monte están os espazos ambientais de maior valor. Que futuro quere o noso goberno para Galicia?!”, sinalan.

“Ao igual que expresamos o pasado 5 de xuño na manifestación de Compostela, volvemos dicir que a explotación das enerxías renovables, se tivese vontade de ser sustentable habería de someterse a unha planificación enerxética seria, da que o primeiro punto é ter unha xestión pública efectiva e non unha tapadeira para beneficios privados. O modelo enerxético para o presente e o futuro que temos diante se quere chegar a bo porto non ten máis posibilidades que comezar pola redución do consumo, o fomento do autoconsumo e poñer as necesidades da sociedade civil por diante dos intereses especulativos. As chamadas leis de depredación e o Plan Sectorial eólico da Xunta de Galicia van por camiños opostos a esta formulación”, engaden.

A mobilización que convoca a coordinadora “Eólica, así non” consiste en concentracións, manifestacións, andainas, mesas redondas e outras actividades en 22 puntos do territorio galego, que desgraciadamente son aqueles máis afectados polos últimos proxectos. No caso do Val Miñor farase en Gondomar unha concentración ás 12 da mañá no Alto de San Antoniño para partir de alí á cima do monte Paraguda por ser este o lugar co último conflito eólico neste concello.