O Nadal arranca en Baiona este venres

Este venres, 3 de decembro, ás 20:00 horas na rúa Carabela Pinta, realizarase o aceso de luces e o comezo da programación BaiNadal 2021-2022. O Concello de Baiona desvelará unha aposta segura pola dinamización cultural da vila, con toda a programación de temática do Nadal que se desenvolverá durante todo o mes de decembro e primeira semana de xaneiro.

Dita programación está subvencionada pola Deputación Provincial de Pontevedra a través do Plan Concellos 2021 e organizada pola Concellería de Cultura de Baiona. Nela, participarán asociacións culturais da vila, que retoman a súa actividade, volvéndose a subir a un escenario. Arrancará na tarde do venres co tradicional aceso da iluminación do Nadal, que ambientará de luz e cor as rúas e prazas do municipio.

Poderemos contemplar acendido o poboado do Nadal realizado por La Fiesta Escénica para ambientar de ilusión e maxia a arteria comercial de Baiona, a rúa Carabela Pinta. Acto seguido, está prevista a actuación das Cherry Sweet co seu espectáculo Cherry Christmas. Actuacións e eventos no municipio de Baiona que darán o seu pistoletazo de saída o venres 3 de decembro ás 20:00 horas na Alameda Carabela Pinta.

Desde a Concellería de Cultura quérese lembrar que para o acto de aceso a pesar de ser en exterior débese levar máscara e manter medidas de seguridade.