Manuel Manquiña e Tony Lomba protagonizan o acendido do alumeado de Nadal de Nigrán

O inconfundible dúo de artistas Manuel Manquiña e Tony Lomba protagonizarán este venres 3 de decembro o acendido do alumeado de Nadal ás 20:00 horas na Praza do Concello de Nigrán. Despois de que representantes de “Un Nigrán para todos” e do Consello de Participación Cidadá preman o interruptor das luces cantarán e farán cantar para que sexa unha velada inesquecible: “porque cando eles se xuntan…o escenario sorrí”. Ademais, durante o concerto as mochilas vibratorias estarán a disposición das persoas xordas que queiran empregalas.

O evento marca o inicio da programación cultural e de ocio do Concello ata o día de Reis, con máis de 50 actividades diferentes practicamente a diario prestando especialmente atención ao público familiar. A maiores, e como cada ano, desenvolverase a ludoteca durante as vacacións escolares no CEIP Humberto Juanes para permitir a conciliación familiar e a un prezo simbólico de 10 € (a inscrición permanece aberta ata o día 9).

“O venres no propio acendido presentaremos a programación polo miúdo pero basicamente tratamos de chegar a todos os gustos e todos os públicos”, indica o alcalde, Juan González (será pendurada nas redes sociais e na web municipal).

Así, este mesmo sábado 4 ás 20:00 horas terá lugar a obra de sombras chinescas “Ultrasónica” da compañía Paso de Valverde (Arteixo) no Auditorio; mentres que o domingo 5 ás 19:00 será o monólogo de Avelino González “Contos de contrabando”, o luns 6 a proxección do documental Negro Púrpura (20:00 h) e o martes 7 a proxección da curtametraxe de Aaron Siebert “Elas” (20:00 horas). E así practicamente cada día.

En resumen, haberá teatro afeccionado os fins de semana dentro do convenio con Fegatea, roteiros guiados polo municipio cada semana, carteiro real e paxe real que percorrerán todas as parroquias ou tradicionais probas deportivas como a carreira popular San Silvestre o 31 de decembro ou a dos Arroases do Val Miñor o día 26 de decembro (a maiores estrearase un ciclocrós o 12 en Porto do Molle). Como novidade, ofreceranse obradoiros de cociña para a infancia e de lettering ou papiroflexia. A música tamén será protagonista este Nadal co Space Ensamble dedicado a filmes en colaboración coa Escola de Rock Paredes de Coura e a de Nigrán Gain Over o 12 de decembro ou o concerto de piano de Mayaka Nakawama o día 23 dentro do I Ciclo de Novos Intérpretes, ademais do habitual baile para maiores o día 19.

A tradición galega máis popular nas Rías Baixas non faltará un ano máis o día 24 co desfile polo municipio a cargo de Santiago de Parada e cunha xuntanza de toda a comarca o 26 na Ramallosa. O personaxe de Nadal máis galego tamén virá a Nigrán: o Apalpador estará a tarde do día 25 na Asociación Cultural A Camoesa.

Ademais, a Biblioteca Municipal volverá ser o escenario dunha exposición con “Kartoffel”, dos irmáns Trigo, desde o 10 de decembro, e no Auditorio Municipal, desde o día 17, estará a mostra de fotografías do IEM “Natureza no Val de Miñor”. Paralelamente, na Praza Rosalía de Castro desenvolverase un mercado invernal os días 17, 18 e 19.

“En resumo, ofrecemos unha ampla oferta de posibilidades para todos os públicos pero prestando especial atención ás familias porque o Nadal é unha época moi memorable para a infancia que, ademais, está de vacacións escolares”, incide o alcalde, Juan González.