Gondomar inaugura o seu Nadal esta fin de semana

O vindeiro sábado 4 de decembro Gondomar dará o pistoletazo inicial ao seu programa de Nadal coa inauguración oficial da iluminación de Nadal, ás oito da tarde na Praza da Paradela, onde previamente celebrarase un concerto e personaxes de animación convidarán á cidadanía a sumarse á celebración, que presidirá o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado polos integrantes do seu goberno.

Todo listo para a conta atrás este sábado e inaugurar a iluminación do Nadal nun acto que “é xa unha cita que moitos e moitas teñen marcada no seu calendario”, manifesta o rexedor gondomareño, que ás 20.00 horas pulsará o botón que acenderá as miles de lámpadas leds, arcos de luz e “a nosa tradicional árbore vermella” no municipio, marcando o inicio da celebración do Nadal.

O acto virá precedido dun concerto a cargo do grupo “Los Goonis” e a presenza dos personaxes, sempre máxicos, aos que darán vida os integrantes de “Sarao Animación” que caldearán o ambiente para garantir unha tarde de alegría e diversión para grandes e pequenos.

Belén artesanal en movemento

O mesmo sábado inaugurarase o Belén artesanal en movemento -a partir das 18:30 horas- que este ano se traslada á Casa da Cultura onde permanecerá ata o próximo 9 de xaneiro. Nesta ocasión a composición ocupará preto de 55 metros de espazo e conformarana un total de 600 figuras, das que 150 están en movemento.

O seu propietario Fernando Fernández Penedo, veciño da parroquia de Borreiros, que leva preto de 3 décadas tallando e dando vida ás figuras que integran este belén artesanal no que este ano destacan novidades como a inclusión dunha réplica da ponte románica de Ramallosa, en cuxa elaboración empregou case tres meses de traballo.

Programación de Nadal

A inauguración da iluminación de Nadal poñerá en marcha tamén o programa elaborado pola Concellería de Cultura para estas datas festivas no que non faltarán a visita de Papa Noel, os Reis Magos ou o Apalpador, teatro, concertos ou pasarrúas. Non faltará a cita tradicional coa Cabalgata de Reis ou o Certame de Rondallas do 6 de xaneiro.

O 12 de decembro o Auditorio Lois Tobío acollerá o espectáculo “Ciencia que alimenta” cuxa recadación se destinará a Gondoilusión, a campaña solidaria, promovida por Benestar Social, que busca garantir xoguetes para nenos e nenas cuxas familias se atopan en situación vulnerable. Pequenos que poderán gozar da visita de Mama Noel o 22 de decembro e de Papa Noel os días 23 e 24 deste mes, ambos estarán acompañados por unha animación especial para a ocasión.

Fieis ás tradicións en Gondomar espérase a visita do Apalpador o día de Nadal a partir das 12:00 horas, da man da Deputación Provincial de Pontevedra. Os Reis Magos percorrerán as rúas na cabalgata o 5 de xaneiro a partir das 17:30 horas e un día antes os nenos/as poderán deseñar as súas cartas e tarxetas nun taller que se celebrará na Praza Paradela.

A música non faltará á cita do Nadal en Gondomar coa celebración do Certame de Panxoliñas (18 decembro) a cargo das corais do municipio, o Concerto de Nadal dos alumnos do conservatorio o día 15 de decembro, a actuación da Banda Musical de Vincios e a presenza das Rondallas de Vincios e Chaín nas rúas do municipio, que participarán o día de Reis no tradicional e veterano Certame de Rondallas de Gondomar.

Este ano tamén recupérase o Mercado de Nadal que se celebrará o próximo 19 de decembro durante toda a xornada, iniciativa que ponse en marcha en colaboración coa concellería de Comercio, ao que se suman outras como o concurso de decoración do Nadal de escaparates e vivendas, o campus solidario de Nadal para nenos de entre 6 e 12 anos, ou o programa “No Nadal, merca en Gondomar”, de promoción do consumo local.