A Xunta probará no Val Miñor un sistema innovador para optimizar o consumo das depuradoras

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou o investimento de preto de 2 millóns de euros da Xunta nun sistema innovador para optimizar o consumo e reducir o custo enerxético das estacións de tratamento de augas residuais.

Vázquez Mourelle achegouse ata a depuradora de Baiona, xunto con 16 entidades e empresas interesadas no desenvolvemento dun servizo pioneiro na xestión destas infraestruturas municipais, que se vén de licitar no marco do proxecto Innovaugas 4.0, no que participan Augas de Galicia, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación e o Ministerio de Ciencia e Innovación para buscar solucións novidosas e mellorar a xestión do ciclo da auga, e que conta cun orzamento global de 7 M€.

Ethel Vázquez detallou que as estacións depuradoras de Baiona, de Gondomar e Nigrán, xestionadas desde a Xunta a través de Augas de Galicia, presentan a maioría das casuísticas que se dan nas depuradoras de pequeno e mediano tamaño de Galicia. Explicou que a Xunta acaba de licitar un servizo para o desenvolvemento nestas 3 plantas, a modo de proxecto piloto, dun sistema de simulación que facilite a Augas de Galicia a toma de decisións en tempo real sobre os distintos procesos de cada unha das depuradoras, de cara á redución do consumo enerxético e a optimización da calidade da auga, avanzando no modelo de economía circular no ciclo integral da auga.

As empresas interesadas neste contrato, que ten un prazo de 15 meses e inclúe as fases de deseño da solución, o seu desenvolvemento e integración, as probas e a súa validación e certificación final, poden presentar as súas ofertas ata o 21 de decembro.

Ethel Vázquez precisou que a solución que resulte elixida, e probada nestas 3 contornas operativas reais diferentes entre si, permitirá validar a súa efectividade de cara a optimizar o consumo enerxético, reducir custos e garantir a calidade da auga vertida nas demais depuradoras. Trátase, dixo, de mellorar a eficiencia na xestión empregando ferramentas de intelixencia artificial.

Vázquez Mourelle subliñou a importancia deste proxecto innovador, máis cando se están a dar subas tan acentuadas no prezo da electricidade, que encarecen a xestión da auga, xa que as infraestruturas hidráulicas son claramente dependentes da enerxía. Referiuse así ao custos de mantemento das depuradoras municipais que xestiona a Xunta, un total de 28, e puxo de exemplo a instalación de Baiona, onde o custo da electricidade se incrementou en algo máis de 100.000 €/ano, o que supón un incremento de máis do 100% no custo da enerxía que precisa a instalación.

A titular de Infraestruturas referiuse, ademais, ao outro concepto que tamén incrementa substancialmente o custo da explotación: o caudal de augas brancas, de chuvia ou de mar, que chega ás depuradoras cando non debería de chegar, xa que estas augas non é necesario tratalas. Isto, remarcou, dificulta o funcionamento das estacións de tratamento de augas residuais, provoca ineficiencias e subrecustos que serían evitables.

Tal e como indicou a conselleira, eses dous conceptos, o incremento da electricidade e o exceso de caudal de augas brancas en rede, teñen un impacto de algo máis de 7 M€ ao ano nas depuradoras que xestiona a Xunta, sobrecustos que están pagando todos os galegos e que se podería evitar se os concellos, que son os que teñen as competencias de saneamento e depuración, mellorasen a xestión das súas redes.

Ethel Vázquez salientou que a Xunta, consciente das dificultades que teñen os municipios para xestionar axeitadamente as súas infraestruturas hidráulicas e tamén do impacto do incremento da factura eléctrica no funcionamento das depuradoras, proponse achegar solucións e reforzar o seu apoio aos municipios que así o queiran a través da Lei de mellora do ciclo integral da auga.

Remarcou que esta lei que impulsa a Xunta ten como principal obxectivo reforzar o apoio aos concellos que así o desexen, os que o soliciten de modo voluntario, nas súas competencias municipais de saneamento, abastecemento e depuración.

Detallou que a través desta lei se impulsarán auditorías para coñecer o estado das redes municipais que eviten a infiltración de augas brancas e impidan que cheguen á depuradora augas de mar ou de chuvia que non teñen que ser tratadas, o que reducirá os custos de explotación. A través desta lei tamén se impulsarán medidas de mellora da eficiencia enerxética, co obxectivo de reducir o impacto do incremento da factura eléctrica na xestión das depuradoras, por exemplo, coa instalación de placas solares.