A Área Sanitaria de Vigo sumouse aos actos do Día Mundial da Sida

A Área Sanitaria de Vigo sumouse hoxe á celebración do Día Mundial da Sida, prestando apoio ás actividades que se realizaron no Hospital Álvaro Cunqueiro con motivo da efeméride. Na presente edición conmemoráronse, ademais, os 40 anos dos primeiros diagnósticos desta infección.

Con ese motivo a asociación de pacientes AGAVIH, en colaboración coa Fundación Érguete dentro do seu programa Sísifo, estiveron durante toda a mañá nunha mesa informativa situada na área de consultas externas do hospital, na que se informaba á poboación tanto da necesidade da prevención como do uso recomendado de distintos produtos profilácticos nas prácticas sexuais.

Alí, ademais de membros da asociación, estiveron no acto central o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández Tapias; e persoal de enfermaría das consultas de VIH do Álvaro Cunqueiro. O xerente agradeceu o traballo das asociacións e mostroulles todo o apoio da área Sanitaria e da Consellería de Sanidade para continuar co seu labor.

Prevención nas prácticas sexuais

Na actualidade as consultas de VIH atenden a 1.600 pacientes da área de Vigo, aínda que a incidencia da infección descende paulatinamente nos últimos anos. Ademais do labor asistencial, os responsables da Unidade de VIH centran o seu traballo na prevención e na detección precoz de posibles casos, tanto mediante probas diagnósticas como a través de rastrexos.

Os últimos datos indican que máis do 60% dos novos casos que se detectan débense a prácticas sexuais inseguras. De aí o chamamento de profesionais sanitarios e de asociacións de pacientes a que se extremen as medidas de prevención necesarias á hora da práctica do sexo, tanto heterosexual como homosexual. Os contaxios asociados a drogodependencias foron perdendo relevancia co paso do tempo.