Vigo poñerá o broche á Copa de España 2022

O próximo 15 de maio Vigo volverá ser o epicentro do ciclismo de estrada estatal. Da man do Vigo-Rías Baixas a cidade olívica repetirá como sede da Copa de España e, ademais, a carreira organizada pola entidade que preside José Luis Chamorro encargarase de poñer o broche á competición máis prestixiosa do pelotón Elite-Sub23.

Tras a súa estrea na pasada primavera, a Vigo Copa de España consolídase. O gran sabor de boca que deixou a súa primeira edición levou ao Vigo-Rías Baixas a dar continuidade á súa aposta e a súa candidatura para 2022 recibiu nos últimos días a luz verde definitiva. A Comisión Delegada da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) aprobou o calendario da Copa de España do próximo ano e a proba que percorrerá as estradas do sur da provincia de Pontevedra aparece como undécima e última xornada.

O certame reservado a ciclistas menores de 25 anos arrancará o 27 de febreiro en Don Benito (Badaxoz) co Circuíto Guadiana e dous meses e medio despois concluirá a beiras do Atlántico. O percorrido da Vigo Copa de España 2021 agradou a participantes e afeccionados. Un sinuoso trazado, con inicio e final na Avenida de Beiramar, que contará con novidades na súa segunda edición.

Trampolín ao profesionalismo

O Vigo-Rías Baixas leva meses traballando tanto a nivel técnico como administrativo para volver exercer de anfitrión das escuadras que nutren ao pelotón profesional. Un dato pon de manifesto a calidade que reuniu o debut da carreira olívica: os tres corredores que subiron ao podio deron o salto de categoría. O gañador Marc Brustenga fichou polo Trek-Segafredo do World Tour, o segundo clasificado David Martín ascendeu ao Eolo Kometa e noutro equipo Pro Team como é o Kern Pharma xa milita Pau Martí, terceiro no sprint de Beiramar.

Por noveno ano consecutivo o Vigo-Rías Baixas forma parte do grupo de 20 escuadras con praza asegurada en todo o calendario da Copa de España. Brillar nesta competición será o primeiro obxectivo da tempada para o persoal dirixido por Marcos Serrano, que neste 2021 logrou por primeira vez adxudicarse o Clasificación Elite por equipos da RFEC.