Baiona convoca subvencións para actividades culturais de asociacións e entidades do municipio

O Concello de Baiona acaba de convocar unha liña de subvencións destinadas a centros, entidades ou asociacións do municipio sen fins de lucro, para as actividades culturais que se desenvolveron durante o ano 2021.

Estas axudas económicas teñen a finalidade de sufragar parte dos gastos ocasionados pola realización de proxectos ou actividades culturais, relacionadas co achegamento á comunidade das artes plásticas, literatura, teatro, música, divulgación das ciencias e demais manifestacións culturais e artísticas, que contribúan ao fomento dos intereses xerais da veciñanza do municipio e, en especial, á promoción ou recuperación da cultura e tradicións locais.

As solicitudes deberán presentarse pola Sede Electrónica do Concello de Baiona ata o 9 de decembro de 2021. Toda a documentación e anexos necesarios atópanse no taboleiro de anuncios da web municipal.

Máis información na Concellería de Cultura do Concello de Baiona, cultura@baiona.gal ou no teléfono 986385921.