Bodegas La Val entrega a recadación íntegra da venda do seu “La Val Solidario 2020” á Fundación Menela

Bodegas La Val, unha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas, fixo entrega hoxe aos representantes da Fundación Menela (Rede de Servizos para o autismo e a dependencia) dun cheque polo importe íntegro resultante da venda das 200 botellas da IV Edición Limitada do seu albariño “La Val Solidario 2020”.

O acto de entrega celebrouse en Bodegas La Val, situada en Salvaterra de Miño e nel, Fernando Bandeira, socio e xerente de Bodegas La Val e Antonio Ruiloba, socio e administrador, entregaron o cheque por valor de 1.600 euros a Cipriano Luis Jiménez Casas e José Manuel Varela Rodríguez, director xeral e director xerente da Fundación Menela, respectivamente.

Fernando Bandeira, socio e xerente de Bodegas La Val, dicía: “Para nós foi un pracer poder colaborar coa Fundación Menela a través deste proxecto solidario. Estamos encantados de poder achegar o noso gran de area con accións deste tipo”.

Menela destinará esta doazón ao proxecto “Club Deportivo Menela”. A colaboración permitirá dotar de equipamento ao Club Deportivo Menela, cuxo proxecto deportivo conta coas seccións de atletismo, natación e xadrez, a través das cales, os mozos e mozas participan en diferentes competicións federadas. A práctica física e deportiva é unha dimensión crave na calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo pola relevancia que ten en aspectos craves como son o benestar físico, a saúde, a inclusión e a participación en contornas cotiás.

Pola súa banda, Cipriano Luis Jiménez Casas, director xeral da Fundación, engadiu: “Estamos moi agradecidos por ser os beneficiarios desta IV Vendima Solidaria. Foi moi bonito o desenvolvemento do proxecto, visitando a adega e participando no deseño da etiqueta de La Val Solidario 2020 en Menela e poder ver os resultados”.

Péchase así o ciclo iniciado coa IV Vendima Solidaria, tras a venda do albariño “La Val Solidario 2020” e a entrega do cheque á Fundación Menela.
O próximo setembro, co inicio da vendima, terá lugar a V Edición deste proxecto social iniciado en 2017, co que Bodegas La Val quere mostrar o seu compromiso coa sociedade. Na próxima edición a adega colaborará con Discamino, un proxecto vigués que axuda a persoas con discapacidade a facer o Camiño de Santiago utilizando vehículos adaptados.

Sobre Fundación Menela

Fundación Menela, entidade de iniciativa social clasificada como benéfico-asistencial e de interese galego, é titular dunha Rede de Centros e Servizos para o Autismo e a Dependencia que traballa coa misión de “contribuír á mellora da calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e defender a súa dignidade como cidadáns, dando resposta ás necesidades específicas ao longo de todo o seu ciclo vital”.

Tras a súa constitución en 1989 asume a titularidade, en 1998, do Centro de Educación Especial Menela, referente no campo da atención especializada a nenos e nenas con TEA en Galicia. En 1993 inaugúrase, en Nigrán, o Centro de Día e Residencial Castro Navás para persoas adultas, impulsando o valor do traballo como ferramenta de inclusión social. No Edificio CAMI póñense en marcha, en 2004, o Servizo de Diagnóstico e Servizo de Atención Temperá e Apoio Integral, o Servizo de Apoio Familiar e o Centro de Formación que, desde o ano 1999, realiza actividades formativas ocupacionais e de especialización profesional.

Dentro desta Rede inclúese a empresa Castro Navás S.L., que nace en 1998 coa finalidade de favorecer a inclusión socio laboral de persoas con TEA e, en 2006, a Fundación Tutelar “Camiño do Miño” que desenvolve accións de asesoramento ás familias, orientación, tutela e administración do patrimonio da persoa tutelada.