O alumnado do Obradoiro de Emprego Terras do Miñor VI desprazouse ata Baiona para realizar unha visita formativa ao Parador Nacional Conde de Gondomar. Os alumnos-traballadores, acompañados polas docentes e a directora do Obradoiro, fixeron un percorrido polas instalacións do edificio (salóns, habitacións, cociña e economato) xunto co subdirector e o Xefe de Cociña, que amablemente explicaron a actividade diaria que se desenvolve no establecemento.
A actividade formativa foi de gran valor para o alumnado, que puido observar e coñecer en primeira persoa as características dun centro de traballo semellante ao que poden formar parte nun futuro tras o seu período formativo no Obradoiro.

