Gondomar abre o prazo para inscribirse no VIII Campus de Nadal Solidario

Entre os días 27 e 30 de decembro o Concello de Gondomar celebrará unha nova edición do Campus Nadal Solidario, promovido pola Concellería de Deportes, e que xunta a diversión para os máis novos e novas cos hábitos saudables e os valores da solidariedade.

O VIII Campus Nadal Solidario abre o seu prazo de inscricións este luns 29 de novembro e permanecerá aberto ata o 22 para cubrir as 70 prazas que se poñen ao dispor das familias de Gondomar como unha das alternativas para favorecer a conciliación durante as datas do Nadal.

“É unha das preocupacións que neste goberno sempre temos presente e desde as Concellerías trabállase para atender esta demanda ofrecendo sempre actividades nas que os máis novos e novas ademais de divertirse tamén aprenden valores necesarios para o seu desenvolvemento como o compañeirismo, hábitos saudables ou a solidariedade, entre outros”, sinala o alcalde Paco Ferreira.

A única condición para poder inscribirse será a de achegar como mínimo 2 quilos de alimentos non perecedoiros para o banco de alimentos municipal “porque nestas datas, máis que nunca, non podemos esquecernos daqueles que se atopan nunha situación vulnerable”.

Poderán participar nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que durante os catro días do campamento poderán participar en distintas actividades deportivas, descubrindo as súas habilidades en deportes que descoñecían ou mesmo achegarse a novas modalidades, á vez que se divirten. Como en anos anteriores, tamén se programa unha excursión.

As inscricións realizaranse no Pavillón Municipal Bernabé Costas de Miranda, entre ás 17:00 e as 19:00 horas. Máis información no correo deportes@concellodegondomar.gal ou o teléfono 986 360 305.