A CEMMA prepara un operativo de rescate de dous arroaces na Toxa

Os tres arroaces, Tursiops truncatus, que permanecen baixo a ponte da Toxa dende a madrugada do mércores día 24 son coñecidos no catálogo de Fotoidentificación da CEMMA. AQUELADO e CAPITAN, son exemplares adultos e coñecidos dende o 2003 e 2014 e GRUMETE é un exemplar posiblemente xuvenil que foi rexistrado por primeira vez este ano. Xa foran observados os tres xuntos, durante as campañas de embarques participativos da CEMMA, no mes de agosto na Ría de Arousa.

Non resulta estraño que os arroaces naveguen entre Cambados e a Illa da Toxa aínda que non adoitan introducirse cara á parte interior da Illa da Toxa e cara ao Grove, a causa de que identifican que os baixos e lombos de area poden ser perigosos e quedar varados na baixa mar.

Hai uns meses uns golfiños comúns, Delphinus delphis, tiveron que ser rescatados desta zona ao quedar varados, mais no caso desta especie, que descoñece o funcionamento das mareas na zona, esta situación era previsible. Para os arroaces a situación é diferente a causa de que coñecen os fondos e as mareas, polo que resulta raro que entren cara esa zona ou queden varados alí.

Os tres arroaces percuran as augas do pé da ponte pois son as máis profundas nesa zona na marea baixa, durante ese tempo permanecen recluídos nunha zona onde manterse nadando con seguridade. Na marea alta, en cambio, aumentan o seu radio de navegación mais non chegan a desprazarse moi lonxe.

As mareas mortas son as responsables de que non queden varados na baixa mais tamén de que non consigan saír de novo rodeando a Illa, dado que a oscilación da marea resulta de 60-90 cm mentres que nas mareas vivas chega ser de 200 cm.

A zona rexistra periodicamente confinamento de cetáceos que rematan, en ocasións, varando no Vao cando pretenden saír cara ao mar maior atravesando o istmo da Lanzada. É como se o seu mapa xeográfico estivese con data do século XVI, cando o Grove era unha illa.

En todas as ocasións os cetáceos tiveron que ser rescatados, dende os anos 2000 polo menos catorce cetáceos introducíronse na zona sós ou en grupo. Na maior parte dos casos marcharon unha vez rescatados.

Operativo de rescate

Dada a complexidade do operativo, a CEMMA, xunto coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Emerxencias e o Concello do Grove, están a preparar os medios para poder abordar a recollida dos exemplares e a súa liberación na Ría. A complexidade vén dada polo tamaño dos exemplares e polo número, ata o momento nunca se abordou un rescate de arroaces tan numeroso. Os casos acontecidos na zona sempre foron dun ou dous exemplares.

Rede de Varamentos de Galicia

A Rede de Varamentos de Galicia está baixo responsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia a través do convenio subscrito coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA, que leva a cabo os traballos de asistencia e recuperación de fauna mariña ameazada.

A CEMMA é a única entidade autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 horas 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.