Gondomar Fibra Xa! presenta en Movistar preto de 1.800 sinaturas de protesta polo deficiente servizo de internet

A Plataforma Gondomar, Fibra Xa! vén de presentar en Movistar (marca comercial de Telefónica de España, S.A.), preto de 1.800 sinaturas de protesta polo deficiente servizo de internet no concello. Parte delas son reclamacións ante o incumprimento das condicións do contrato, e que serán presentadas diante do Servizo Galego de Consumo, onde as persoas usuarias denuncian que están a pagar por un servizo que non reciben, como demostran en documentos aportados.

Ademais, esixen que a empresa cumpra o contrato de implantación da fibra óptica que ten como data de finalización decembro deste ano. Recentemente a Plataforma tivo acceso a unha resposta do goberno do Estado, de 28 de outubro, en que di que o proxecto TSI-061000-2019-108, executado polo operador TELEFÓNICA DE ESPAÑA, S.A., que ten como obxectivo proporcionar cobertura de servizos de velocidade superiores a 100 Mbps, e que no caso de Gondomar contempla 55 zonas brancas, ten como data de finalización prevista decembro de 2021, termo que tamén anunciou a propia empresa no mes de maio, e que non se lle concedeu ningunha prórroga. “Mais o certo é que estamos a rematar novembro e non semella que se vaia materializar en prazo”, afirman desde a Plataforma.

Nas reclamacións recollidas, as persoas usuarias denuncian que os servizos de acceso a internet no concello de Gondomar son lamentables: disfuncionais, saturados e obsoletos. Esta situación impide o uso normal da conexión, fai inviable traballar ou estudar a distancia con normalidade, e vulnera o dereito da veciñanza de Gondomar a competir en igualdade de condicións que outras zonas, constituíndo unha verdadeira fenda dixital.

Tamén denuncian que están a pagar por un servizo que non reciben da empresa coa que o teñen contratado. Na maioría dos casos a empresa ofrece unha prestación que, de maneira sistemática, incumpre, mais iso non se traduce nun desconto ou abaratamento no recibo mensual. Nalgúns casos acompañan as reclamacións con imaxes de medicións das velocidades de subida e baixada de datos nos seus domicilios, con resultados que demostran esa denuncia. E por iso que nas reclamacións recollen que Movistar proceda a subministrar un servizo de calidade, e que, mentres non poida garantilo, proceda a reducir o custe do mesmo en función do que realmente pode prestar, aplicando un desconto na facturación mensual.