Baiona prevé que as obras do paseo da Foz estean rematadas antes de final de ano

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, acompañado do concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martinez, visitou as obras de reparación e acondicionamento do paseo da Foz.

Nesta parte do paseo que percorre a costa, desde Baiona ata Panxón, veuse abaixo o muro de contención hai máis de 3 anos. O paso do tempo e as mareas fixeron que cada vez se fosen desprendendo máis anacos da senda peonil.

Tras as xestións realizadas polo goberno baionés, o organismo estatal de Costas preparou un proxecto para repoñer o paseo caído e mellorar a resiliencia das zonas que non posúen a protección dun dique. O pasado verán adxudicouse a Tragsa, por 195.171€, a parte do proxecto que corresponde á reposición da zona levada polo mar e a colocación dun dique de pedra como protección.

Durante esta visita, Carlos Gómez puido comprobar que “as obras van a bo ritmo e que se espera que rematen antes de final de ano”. O alcalde indica que “esperemos que as baionesas e baioneses poidan percorrer este paseo e gozar da nosa marabillosa contorna natural canto antes”.