Nigrán ratifica o seu compromiso cos dereitos das mulleres e a erradicación da violencia contra elas

O Concello de Nigrán conmemorou un ano máis o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, coa lectura pública dun manifesto na entrada do Auditorio Municipal e a campaña “NonDáIgual”, deseñada ex-profeso para o municipio polo artista gráfico David Sierra. Así, a iniciativa do Centro de Información ás Mulleres (CIM) preto de 150 establecementos comerciais e entidades do municipio locen esta cartelaría e “visten” esta semana os seus escaparates de negro en sinal de loito polas víctimas de maltrato e de lila polo rexurdir das mulleres que se levantan contra a violencia. Paralelamente, e como cada ano, a edil de Educación, Marina Vidal, leu públicamente ás 11:00 na Praza do Concello un manifesto arroupada por decenas de veciños, a corporación municipal, traballadores do Concello e alumnado do CEIP Humberto Juanes. Todos xuntos gardaron un minuto de silencio en homenaxe ás vítimas.

“As múltiples violencias que se exercen contra as mulleres son visibles, pero debemos traballar a tolerancia social para poñerlles freo: prostitución, trata, acoso sexual e por razón de sexo, maternidade subrogada, fenda salarial, agresión sexual fóra e dentro das relacións de parella, golpes, destrución moral, humillacións, torturas…. existe todo nun marco de violencia simbólica que permite a súa lexitimación. O Concello de Nigrán considera que a situación actual precisa dunha resposta unánime de rexeitamento de todas as formas de violencia e a implicación social da poboacion de Nigrán é absoluta, por iso estamos un ano máis aquí para berrar que non dá igual”, sinalou Vidal ao respecto da considerada “a maior secuela das sociedades democráticas”.

O día 7 de decembro de 1999 -continuaba o manifesto- a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres “e, un ano máis, aquí estamos no Concello de Nigrán para conmemoralo públicamente, lanzar novamente a nosa mensaxe unánime de rexeitamento a todo tipo de violencias machistas e repetir non dá igual ante calquera comportamento deste tipo”.

Desde 2003 ata o 8 de novembro de 2021 foron asasinadas 1.118 mulleres en toda España por mor da violencia machista deixando orfos a 118 menores. Segundo datos da Delegación do Goberno, ata setembro de 2020 rexistráronse 65 asasinatos deste tipo en Galicia e neste ano 2021 ténse producido un asasinato machista na comunidade: Mónica Marcos, acoitelada brutalmente pola súa parella na súa vivenda na Coruña.

Igualmente, non podemos esquecer a violencia vicaria, a forma máis cruel de exercer a violencia porque busca a destrucción absoluta e irreparable da muller habitualmente mediante o asasinato dos seus fillos. Máis de 40 nenas e nenos foron asasinada polos seus pais biolóxicos, parellas ou ex parellas da nai desde que no 2013 se empezou a contabilizar este tipo de crimes, cuxo obxectivo é destruír á muller para sempre. Neste 2021 xa se suman tristemente catro asasinatos de crianzas.